Os carteiros rurais: "Non podemos máis polo prezo do combustíbel"

Medio cento de traballadores e traballadoras de Correos con vehículo propio denuncian que o IPC e o prezo do carburante fan imposíbel levar a cabo o seu servizo. 

Manifestación dos e das carteiras rurais en Compostela. (Foto: CGT).
photo_camera Manifestación dos e das carteiras rurais en Compostela. (Foto: CGT).

No día de hoxe case un cento de carteiros e carteiras rurais chegados de toda a Galiza manifestáronse en Compostela para denunciar a súa “crítica situación” pola suba do conbustíbel e a conxelación, “desde hai 11 anos xa”, do complemento por achega do vehículo particular que lles abona Correos.

Na Galiza rural existen aproximadamente 800 carteiros e carteiras de Correos que para repartir o correo diariamente empregan o seu vehículo particular, a cambio dunha compensación “totalmente insuficiente e anacrónica que foi marcada no ano 2011 e que ascende á pírrica cantidade de 23 céntimos por quilómetro”.

“A conxelación desde hai 11 anos da mesma e o terríbel encarecemento do combustíbel de case 60% en seis meses fai que para prestar o servizo coa gasolina por enriba dos dous euros unha grande parte do persoal rural teña que, literalmente, pór diñeiro do seu peto, o que aboca a unha situación insostíbel que pon en perigo o servizo postal nas nosas vilas e aldeas”, apuntan.

A comezos do ano Correos subiu os prezos dos servizos postais case 20% á cidadanía, pero ese aumento non o empregou para  aumentar a compensación por quilómetro percorrido para o persoal que  reparte con vehículo propio.

"É urxente que se actualicen estas cantidades ata chegar a unha cantidade digna, suficiente e que garanta que permita prestar o servizo coa calidade esixida”, demandan.

Ademais, tamén denuncian que son numerosas as persoas que teñen solicitado que Correos lles achegue un vehículo de empresa para levar adiante o servizo, “tal como se comprometeu a empresa a facer hai máis dun ano, pero os vehículos non chegan ás persoas que os pediron”.

O sindicato CGT, xa no mes de marzo, dirixiuse ao presidente de Correos, Jose Manuel Serrano, para pedirlle que sentara coa representación do persoal para tomar estas medidas con urxencia, “petición que, a día de hoxe, segue sen resposta”.

Os e as manifestantes sinalaron que, se non teñen unha solución inmediata, levarán a cabo “todas as accións e medidas que sexan necesarias para deter canto antes esta auténtica bancarrota do persoal rural”.

Comentarios