A presenza de toxina adía 15 días o comezo da campaña marisqueira de Noia

A toxina paralizante afecta por primeira vez os bancos xestionados pola Confraría San Bartolomeu de Noia.
Embarcacións marisqueiras amarradas no porto de Testal, en Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Embarcacións marisqueiras amarradas no porto de Testal, en Noia (Foto: Nós Diario).

A campaña marisqueira da Confraría de pescadores San Bartolomeu de Noia acumulará dúas semanas de atraso a próxima segunda feira debido á presenza de toxinas nas augas. 

A recolección de bivalvo no pósito noiés é a principal actividade económica da comarca, e dela dependen de forma directa ao redor de 1.600 persoas, procedentes principalmente dos concellos do ámbito da confraría, Noia e Outes.

Mais tamén son moi numerosas as persoas procedentes de Porto do Son que dependen desta actividade, así como das comarcas de Muros, Barbanza e o Salnés. Ademais, a situación tamén ten unha influencia indirecta sobre os sectores da cadea mar-industria, da restauración e do comercio.

Unha das circunstancias máis salientábeis é a presenza nos polígonos marisqueiros noieses da toxina PSP (paralizante). As dúas áreas xestionadas polo pósito atópanse fechadas, a zona II da ría de Muros e Noia pola presenza das toxinas PSP e lipofílica, e a zona III tan só pola presenza de PSP.

A bióloga da Confraría San Bartolomeu de Noia, Liliana Solís, en declaracións a Nós Diario, resaltou que "é a primeira vez que hai un fechamento por toxina paralizante nas zonas da ría que xestiona a nosa confraría, na zona interior da ría". 

"É unha toxina moi perigosa", sinalou, pois "ten efectos sobre o sistema nervioso". "O outono e a primavera son os períodos onde é máis probábel que de forma natural se produza a presenza de toxina", explicou Solís.

Segundo declarou a este xornal Pablo Silva, presidente da Plataforma en defensa do mar Muros-Noia (Plademar), "os episodios de toxina son cada vez máis virulentos". Silva explicou que isto pode deberse a varios factores, "cambio climático, máis calor, maior temperatura das augas, e iso sumado á cantidade de depuradoras que non funcionan e que están botando fecais ao mar provocan un caldo de cultivo moi perigoso".

Marisol Amado, presidenta do Colectivo de mariscadoras a pé da Confraría de pescadores San Bartolomeu de Noia, en conversa con Nós Diario, laiouse da amarga situación, pois "moita xente pagou os seguros e renunciou ao paro e agora está desesperada", afirmou. "Nós contamos de poder comezar a próxima terza feira se dera negativo hoxe (pola sexta feira) e máis na segunda feira, mais os resultados positivos foron moi altos".

Comentarios