Oito de cada dez bateas non poden extraer mexillón pola presenza de toxinas

Están fechadas a totalidade das rías de Vigo, Pontevedra, Ares-Betanzos, Baiona e Camariñas.
Pesado de mexillóns. (Foto: CRMG)
photo_camera Pesado de mexillóns. (Foto: CRMG)

A Galiza só conta cunha ducia de polígonos operativos para a extracción de mexillón ante a extensión de biotoxinas que deixan inoperativas a 80% das bateas.

Segundo o informe actualizado na mañá desta quinta feira polo Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño (Intecmar), dependente da Consellaría do Mar, hai un total de once polígonos operativos na ría de Arousa, así como outro na ría de Muros.

Mentres, están fechadas a totalidade das rías de Vigo, Pontevedra, Ares-Betanzos, Baiona e Camariñas pola presenza de toxina lipofílica —diarreica— e DSP —paralizante—.

Con todo, nas últimas horas producíronse os primeiros negativos en varios polígonos de Arousa, Pontevedra e Muros, mais aínda deberán ser ratificados para recuperar a autorización para a extracción de bivalvos.

Paralelamente, nesta quinta o Intecmar decidiu prohibir a extracción ao marisqueo de moluscos infaunais en dúas zonas da ría de Pontevedra.

Son a zona III e a de Vigo —zona II.2—. Tamén están clausuradas as zonas I e V da ría de Pontevedra e a zona II de Ferrol.

Moluscos epifaunais

No caso dos moluscos epifaunais, como a volandeira e a zamburiña, permanecen fechadas para a súa extracción un gran número de zonas das rías galegas, como as zonas II e III da ría de Vigo, así como a totalidade das zonas das rías de Pontevedra e de Ares e Betanzos.

As vieiras, a pesar de ser tamén un moluscos epifaunais, teñen un tratamento lexislativo de seguridade alimentaria diferente, polo que os seus permisos para a extracción funcionan de forma independenta. Neste caso, a  extracción da vieira está prohibida na totalidade das áreas de extracción analizadas polo Intecmar.

No caso da ría de Pontevedra, actualmente está fechada a extracción na súa totalidade das bateas, así como de vieiras e do resto moluscos epifaunais, tendo só abertas as zonas II e IV no caso dos moluscos infaunais.

Comentarios