O plantel de Urbaser propón municipalizar a recollida do lixo

O comité de folga e as centrais sindicais (CIG, CC.OO, USO) pediron através dunha moción presentada no Concello de Lugo que se "resgate o servizo" perante a negativa de Urbaser a dar solución ao conflito. 

Urbaser
photo_camera [Imaxe CIG Lugo - A Mariña]

Será através do grupo municipal do BNG e da concelleira, Paz Abraira, como a voz d@s traballador@s se escoite no salón de plenos do Concello de Lugo. O comité de folga e as centrais sindicais proporán ao goberno de López Orozco a municipalización da recollida de lixo da cidade e o "resgate do servizo". A moción será debatida de urxencia a vindeira segunda feira. 

Após 18 días de folga, do despedimento de 12 empregad@s na primeira xornada de loita, do despedimento do comité de folga e a abertura de procesos sancionadores a 66 traballador@s, o plantel de Urbaser pide á corporación municipal que devolva o carácter público á recollida de lixo.

E fano como alternativa se o concello non insta a concesionaria a sentar nunha mesa de negociación na que procurar unha solución ao conflito laboral. A comezar pola re-admisión do persoal despedido e sancionado nestas máis de dúas semanas de folga. 

Para o comité de folga de Urbaser a "política empresarial" practicada pola empresa --e que chegaron a calificar como de "prácticas mafiosas"-- é motivo suficiente para que o goberno local tome a decisión de resgatar o servizo.

Só sentarán a negociar coa mediación do Consello galego de relacións laborais

Pois, ao contrario de estabelecer calquera marco de negociación, din, a concesionaria optou "sempre por medidas represivas e de amedrentamento do persoal" chegando, denuncian, a "boicotear a recollida de lixo en servizos esenciais e puntos de alerta sanitaria para criminalizar ao conxunto dos traballadores e traballadoras diante da opinión pública".

No entanto, @s traballador@s sinalaron que se ben até o de agora estaban dispost@s a dialogar sen condicións, após os últimos despedimentos e sancións, só sentarán negociar no marco da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e coa condición de que a empresa readmita @s empregad@s que botou á rúa. 

Así mesmo, sinalan que continúan adiante co calendario de mobilizacións. Nesta sexta feira (28 de xuño) desenvolveron unha marcha informativa polas rúas da cidade para achegar as súas reivindicacións á veciñanza de Lugo e continúan a preparar a convocatoria dunha mobilización nacional nas vindeiras datas. 

Comentarios