"Urbaser iniciou a guerra e recibirá a resposta que merece"

A empresa concesionaria da recollida de lixo en Lugo comunicou o despedimento d@s 11 traballador@s que compoñen o comité de folga e o proceso sancionador aberto contra outr@s 60 empregad@s. Desde o plantel advirten que o seu "obxectivo prioritario" é agora dar a batalla contra o que tildan de "prácticas mafiosas" por parte de Urbaser. 

Raquel
photo_camera [Imaxe tirada do Twitter]

No medio dunha xuntanza entre Urbaser e o comité de folga. Así se lles comunicou vía telefónica @s representantes d@s traballador@s que a empresa despediu @s 11 integrantes do comité e abriu expediente sancionador contra outr@s 60. Para iso Urbaser argüe que se están a incumprir os servizos mínimos. Uns mínimos que estaban a negociar nese mesmo intre. 

Após 16 días de paro, @s traballador@s advirten que o seu "obxectivo prioritario" mudou logo da decisión da concesionaria. Xa non será a procura dunha "solución negociada ao conflito" senón defender perante a empresa concesionaria da recollida do lixo a re-admisión d@s despedid@s e a retirada das sancións. 

Novo calendario de mobilizacións

"A loita vai continuar", sinalou Carme Antas da CIG aos medios de comunicación ao tempo que debullou o calendario de mobilizacións que o plantel de Urbaser encetou esta quinta feira. Concentracións, marchas informativas pola cidade e unha manifestación nacional que artellan xa desde as secretarías xerais da CIG, UGT e USO. 

Aliás, avanzan que non volverán sentar na mesa coa dirección de Urbaser nen darán inicio a ningunha mesa de negociación se non se deixan sen efecto os despedimentos e sancións. "Agora somos nós os que poñemos condicións", explicou Antas quen lembrou a "vontade" do plantel de traballador@s durante os máis de quince días que se prolonga a folga, de procurar unha "solución". 

Unha caixa de resistencia contra "prácticas mafiosas"

Mais o que tildan de "prácticas mafiosas" por parte de Urbaser deu unha volta de porca á loita que manteñen @s empregad@s e moi lonxe de desanimar o plantel este xa decidiu iniciar a "recollida de fondos" para constituíren unha caixa de resistencia que palíe "na medida do posíbel" as consecuencias que está a carrexar a folga para @s traballador@s. Neste senso, anunciaron que o diñeiro recadado se destinará principalmente a apoiar "os traballadores que máis tempo levan" parad@s e a sufragar os custes dos expedientes abertos entre o persoal. 

Así as cousas, desde o comité de folga anunciaron que continuarán a recoller o lixo situado nos puntos sinalados como de risco para a saúde pública pois, explicou Carme Antas, "é a nosa responsabilidade" e "non imos caer no erro e nas provocacións que a empresa nos pon por diante". Aliás lembrou que foi o propio plantel quen propuxo a Urbaser facer esa recollida coa que continuarán para evitar que a loita d@s operari@s poida ter consecuencia algunha para a saúde d@s lugues@s. 

Comentarios