O persoal de Vestas exixe a Xunta menos promesas políticas e máis solucións

Máis dun cento de traballadores e traballadoras mobilízanse en Compostela para exixir a continuidade da planta de Vestas en Viveiro.
Traballadores e traballadoras da planta de Vestas en Viveiro levaron as súas protestas até o edifico da Xunta en San Caetano (Foto: Arxina)
photo_camera Traballadores e traballadoras da planta de Vestas en Viveiro levaron as súas protestas até o edifico da Xunta en San Caetano (Foto: Arxina)

Os traballadores e traballadoras de Vestas en Viveiro néganse a dar a planta por perdida. Se hai uns días era Alejandro Paelo, un dos integrantes do cadro de persoal o que emprendía unha viaxe en bicicleta até Dinamarca, onde a empresa ten a súa sede central, para pedir á dirección que reconsidere o feche, esta terza feira foron máis dun centenar as que percorreron as rúas de Compostela para exixir ante a Xunta unha "solución" fronte ao ERE extintivo proposto pola multinacional danesa.

Os traballadores e traballadoras partiron ás 15 horas do centro comercial As Cancelas portando unha pancarta na que se podía ler esa exixencia, 'Vestas Solución', con rumbo ao edificio administrativo de San Caetano.

Durante o camiño, corearon cánticos reivindicativos como 'Sen industria, non hai futuro'; 'Queremos traballar e non emigrar' e 'Feixoo non te escondas, queremos que respondas'. Así mesmo, algúns dos operarios portaron reproducións de muíños de vento e cruces coa mensaxe 'Vestas non se fecha'.

As manifestantes chegaron ás portas do complexo administrativo coincidindo coa saída de moitos funcionarios e funcionarias que remataban a súa xornada. Alí lanzaron petardos antes de poñer rumbo á sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde representantes dos traballadores, Administracións e empresas mantiveron unha xuntanza para tratar de buscar unha saída ao conflito laboral.

Apoios políticos

Ao inicio do percorrido, os traballadores e traballadoras de Vestas estiveron acompañados pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen lles trasladou o seu apoio ante o que considera un "intento de deslocalizar a produción" dunha fábrica como a de Viveiro que, apuntou, "ten viabilidade". 

"Non entendemos como en pleno boom eólico depredador na Galicia pódese perder nin un só posto de traballo no sector", criticou Pontón, que instou a Xunta a "que se poña ao choio" para que non se perda un só emprego.

A líder do BNG non foi a única representante política que se deixou ver na manifestación. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen tamén exixiu ao Goberno de Feixoo que "deixe de buscar culpábeis e comece a buscar solucións". 

Na mesma liña, Caballero lembrou que o Executivo galego ten competencia exclusiva en materia industrial polo que requiriu da Xunta un esforzo para esgotar todas as vías para frear un ERE que supón "un duro golpe para toda a comarca da Mariña".

Non máis promesas

O presidente do comité de empresa de Vestas en Viveiro, David Mariño, antes de entrar á reunión, incidiu precisamente neste punto. Dixo que esperaba que o encontro servise para algo e non se convertese "noutra promesa política". 

Tamén pedía Vestas "escoitar as ofertas e facilitar a reinserción de todos estes traballadores que se van a quedar sen emprego se definitivamente acaba o período de ERE e se leva adiante". "O importante é non fechar. Necesitamos alternativas e revitalizar a nosa comarca que está a morrer", alertou Mariño.

Comentarios