En bicicleta de Viveiro a Dinamarca para pedir a Vestas que non feche a planta da Mariña

O traballador Alejandro Paleo prevé realizar este traxecto de 2.800 km en etapas cunha duración total estimada de 15 días.
Concentracións diante das instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro, por demandas laborais en 2014 (Arquivo de CCOO).
photo_camera Concentracións diante das instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro, por demandas laborais en 2014 (Arquivo de CCOO).

Un traballador de Vestas percorrerá en bicicleta a distancia que separa a planta de Viveiro (comarca da Mariña) coa sede central da compañía en Dinamarca, en total duns 2.800 quilómetros, para pedir á empresa que non peche a fábrica ubicada no norte da Galiza.

Esta iniciativa, da que informa o comité de empresa, arrinca este domingo 3 de outubro ás 10,30 horas. O traballador e ciclista, Alejandro Paleo, prevé realizar este traxecto en etapas cunha duración total estimada de 15 días.

O reto poderase seguir en directo a través das principais redes sociais, que serán publicadas en próximos días

"Esta fazaña culminará coa entrega dunha carta en man dirixida aos directivos de Vestas en Dinamarca para que non se peche a planta situada en Viveiro como se anunciou hai apenas unha semana", sinala o comité.

O reto poderase seguir en directo a través das principais redes sociais, que serán publicadas en próximos días.

Viveiro acolleu este sábado 25 de setembro unha multitudinaria protesta convocada polo persoal de Vestas fronte ao anunciado fechamento da factoría, que afecta 115 traballadoras e traballadores.

Os traballadores "non" entenden unha decisión "totalmente sorpresiva" e consideran que o anuncio do ERE "foi desapiadado", dado que "non houbo ningún aviso previo nin sinal".

Comentarios