Vestas + Alcoa = 'morte' da Mariña

Os traballadores de Vestas manifestáronse este sábado polas rúas de Viveiro. Na próxima terza feira, as mobilizacións trasladaranse a capital do país, onde está prevista unha reunión co Goberno.
vestas_viveiro_foto_danielcastrogarcia_twitter
photo_camera Manifestación deste sábado, 2 de outubro, polas rúas de Viveiro (Foto: Daniel Castro García / Twitter)

Centos de persoas saíron este sábado ás rúas de Viveiro para mostrar o seu respaldo aos traballadores da factoría de Vestas ante o ERE anunciado pola empresa que afecta 115 traballadores.

Os veciños de Viveiro volveron arroupar o persoal da fábrica percorrendo as rúas da localidade mariñá nunha manifestación que arrincou ás 12 horas e que supón "o disparo de saída" ao calendario de mobilizacións que preparan os traballadores para reclamar unha saída de futuro ante a pechadura anunciada pola compañía.

Así o explicou o presidente do comité de empresa, David Mariño, que denunciou ao feche decretado "sen a máis mínima alternativa" por parte da empresa, a que instan a repensar a decisión.

Tamén se dirixen ás administracións e formacións políticas, a quen demandan que medien para alcanzar "unha alternativa" que consideran que pode pasar pola venda da planta.

Manifestación en Compostela

"Falamos de que hai un problema neste momento, mais tamén é un problema a longo prazo", incidiu o representante sindical, salientando que a situación aberta con Vestas se une á que atravesa Alcoa San Cibrao.

"A Mariña morre e necesitamos solucións", exixiu, na liña das consignas que se puideron escoitar como "sen industria non hai futuro".

Tras esta marcha en Viveiro, os traballadores de Vestas realizarán outra na terza feira en Compostela. Partirán das Cancelas para se dirixir á sede do Goberno, en San Caetano, onde se reunirán co vicepresidente segundo e responsábel da área económica, Francisco Conde.

"Necesitamos feitos, nin máis nin menos. É hora xa de que a clase política comece a mover ficha", reivindicou Mariño.

Comentarios