Dependentas de Inditex exixen melloras laborais na Coruña: "Non somos 'niñas' somos traballadoras"

As dependentas do grupo empresarial volveron saír á rúa ante a falta de avances nunha negociación que piden trasladar á Galiza. Urxen igualdade e mellores condicións para todas as compañeiras.
Dependentas de Inditex maniféstanse na Coruña
photo_camera Dependentas de Inditex maniféstanse na Coruña.

Centos de traballadoras de Inditex manifestáronse na Coruña para esixir "melloras laborais e sociais" como as que "xa teñen" as súas compañeiras doutras empresas do grupo.

A marcha, que estivo encabezada por unha pancarta co lema 'Negociación aquí coas dependentas de Inditex', saíu da praza de Lugo e finalizou en Porta Real.

Durante o percorrido portaron numerosos carteis nos que se puido ler 'A redución por idade para as traballadoras de Inditex non é unha realidade', 'Somos imprescindíbeis, non invisíbeis', 'Non somos niñas somos traballadoras' 'Aquí traballamos, aquí negociamos', ou 'Todos somos Inditex, as dependentas tamén'.

Durante a marcha reclamaron a atención da cidade con chifres e cánticos para gañar unha visibilidade que non teñen dentro do grupo, afirman.

Sen avances

Segundo informou a CIG, a decisión de volver saír á rúa tomouna o propio persoal das tendas ante a "falta de avances" para tratar cuestións tanto do ámbito económico como laboral.

Unha das súas principais reivindicacións é a "recuperación" da cobranza da antigüidade por cada cuadrienio, pero Inditex "négase en rotundo" a negociar "nada relacionado co pago da antigüidade".

Ademais, as traballadoras demandaron que lles apliquen as "melloras sociais" que "xa teñen recoñecidas" compañeiras e compañeiros doutras empresas do grupo.

En Inditex hai unha alta contratación feminina, mais "a empresa segue mantendo as traballadoras en condicións precarias", recoñecen desde a CIG.

As máis precarias

Mentres os homes teñen xornadas completas, as mulleres teñen, maioritariamente, xornadas parciais. Unha diferenza que se aprecia nos salarios, até o punto de que mesmo homes, aínda de categorías inferiores, tamén cobran máis.

Nas tres xuntanzas decorridas até o de agora coa multinacional esta só manifestou a súa disposición a recoñecerlles ás traballadoras con máis de 20 anos de antigüidade e xornadas de 24 horas, unha redución de xornada de 12 horas a partir dos 58 anos de idade.

Esta proposta, resumiu a CIG durante o anuncio da convocatoria da folga, suporía "saír un minuto antes cada día", cando os seus compañeiros, aos 53 anos xa teñen recoñecida unha redución de xornada de 48 horas.

Dependentas de Inditex maniféstanse na Coruña.
Cartel exhibido polas dependentas de Inditex durante a manifestación deste domingo na Coruña.

'Por que somos as únicas coas que non negociades'

Polo que se refire á prima de vinculación, que as dependentas exixen "sen condicións", Inditex ofrece unha para os compañeiros homes que implica cobrar até 600€ máis ao mes, mentres a elas lles ofrece 1.120 euros anuais en 2024; 1.260 en 2025 e 1.400 en 2026 a partir dos 25 anos na empresa que non convence as dependentas xa que "absorbería os conceptos que existen actualmente por antigüidade".

As dependentas urxen igualdade e melloras sociais, negociadas na Galiza, non en Madrid, e que estas sexan trasladadas "a todas e cada unha das compañeiras".

Comentarios