Inditex logra beneficios récord de 5.381 millóns de euros e Amancio Ortega ingresa 2.845 millóns en dividendos

O resultado operativo (Ebitda) da compañía medrou 13,9%, até os 9.850 millóns de euros, e o resultado neto de explotación (Ebit), un 23,4%, até os 6.809 millóns de euros.
Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)

Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 5.381 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2023-2024 —entre o 1 de febreiro de 2023 e o 31 de xaneiro de 2024—, o segundo de Marta Ortega á fronte da presidencia, o que supón un incremento de 30,3% respecto ao ano anterior, segundo informou a compañía, que elevará o dividendo un 28%, até os 1,54 euros por acción. As vendas tamén foron récord, alcanzando os 35.947 millóns de euros, un 10,4% máis sobre 2022, cunha alza de 14,1% a tipo de cambio constante. As vendas tiveron unha evolución "moi satisfactoria" tanto en tendas físicas como 'online', positiva en todas as áreas xeográficas e en todos os formatos.

"O desempeño de Inditex en 2023 foi excelente. Os nosos equipos souberon aproveitar as oportunidades para seguir crecendo de forma rendíbel. Estamos investindo para impulsar o crecemento futuro e seguir ofrecendo unha remuneración atractiva aos accionistas", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras. Así, o consello de administración proporá á xunta xeral de accionistas un incremento do dividendo de 28% para o exercicio 2023, até 1,54 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,04 euros e un dividendo extraordinario de 0,50 euros por acción.

O dividendo componse de dous pagamentos iguais: o 2 de maio de 2024 un de 0,77 euros por acción, correspondente ao dividendo ordinario, e o 4 de novembro de 2024 un segundo abono de 0,77 euros por acción —0,27 euros ordinario máis 0,50 euros extraordinario—. O resultado operativo (Ebitda) medrou 13,9%, até os 9.850 millóns de euros, e o resultado neto de explotación (Ebit), un 23,4%, até os 6.809 millóns de euros.

A compañía estima uns investimentos ordinarios de arredor de 1.800 millóns de euros en 2024. Estes investimentos dedicaranse principalmente á optimización do seu espazo comercial, a súa integración tecnolóxica e a mellora das plataformas 'online'. Tamén acometerá un programa de investimentos extraordinario de dous anos centrado na expansión da capacidade loxística, destinando 900 millóns de euros en cada un dos exercicios 2024 e 2025.

Emolumentos da familia Ortega

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 2.845 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por riba dos 2.217 millóns de euros que percibira por este concepto o ano pasado. A presidenta non executiva de Inditex, a súa filla, Marta Ortega, percibiu unha remuneración dun millón de euros no seu segundo ano á fronte da compañía, mentres que o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, cobrou 10,3 millóns de euros, segundo consta no informe anual de goberno corporativo remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

En total, o consello de administración de Inditex percibiu en 2023 unhas retribucións por un valor total de 13,46 millóns de euros, mentres que a retribución media das e dos seus empregados situouse en 36.000 euros, un 12% máis que no exercicio anterior.

Comentarios