Amancio Ortega, primeiro 'rico' do Estado español en superar os 100.000 millóns de patrimonio

O empresario posúe a maior inmobiliaria de todo o Estado.
O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).
photo_camera O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, vén de alcanzar un novo récord ao converterse no primeiro cidadán do Estado español que supera os 100.000 millóns de dólares de patrimonio, o que o sitúa no posto doce da clasificación de 'As persoas máis ricas do mundo' de Forbes. En concreto, a fortuna do empresario galego ascende a 100.700 millóns de dólares —case 91.000 millóns de euros—, unha cifra que se afasta dos 81.800 millóns de euros cos que Forbes España o situaba como a persoa máis rica de todo o Estado español hai só un mes, en novembro.

No presente exercicio, a firma téxtil da que Ortega é accionista maioritario revalorizouse nos mercados en máis de 35%, o que lle permitiu aumentar a súa masa patrimonial de forma notábel. Unha das súas últimas compras, a través do seu brazo investidor Pontegadea, foi a dos seus dous primeiros hoteis 'boutique' no centro de Palma de Mallorca a un grupo sueco por 35 millóns de euros, segundo informaron a Europa Press en fontes coñecedoras da operación.

Non é a primeira vez que o fundador de Inditex compra inmóbeis hostaleiros, xa que tamén é propietario, entre outros, dun situado en Cádiz (Playaballena) e outro en Nova York (Iberostar). Á marxe do sector holetero, Ortega anunciou recentemente a compra dun almacén loxístico en Miami por un importe de 113 millóns de dólares (102,97 millóns de euros).

Desta forma, Pontegadea continúa cos seus investimentos inmobiliarios tras ingresar este ano un total de 2.217 millóns de euros en concepto de dividendos de Inditex, por riba dos 1.718 millóns que percibira por este concepto o ano pasado. O fundador de Inditex inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

Ortega, de feito, posúe a maior inmobiliaria española, centrada na compra e xestión de grandes edificios, cunha carteira de activos inmobiliarios integrada fundamentalmente por edificios de oficinas, non residenciais, situados no centro de grandes cidades no Estado español, Reino Unido, Estados Unidos e Asia.

Comentarios