martes 28/09/21

O persoal do Sergas loita contra o agravio salarial que arrastra desde hai 11 anos

Persoal do Sergas exixiu esta quinta feira en todas as áreas sanitarias "a devolución dos acordos roubados" 
Protesta convocada por CIG-Saúde no hospital de Burela. (Foto: Nós Diario).
Protesta convocada por CIG-Saúde no hospital de Burela. (Foto: Nós Diario).

En 2010, co seu primeiro Executivo recentemente estreado, Feixoo levou a cabo unha das súas medidas "estrela": conxelar os salarios dos traballadores e traballadoras da sanidade pública galega para os exercicios 2010, 2011 e 2012. Hoxe, máis dunha década despois, as persoas afectadas seguen a reclamar ao Goberno do PP "a devolución dos acordos roubados". 

Esta quinta feira fixérono en forma de concentración nas grandes áreas sanitarias, convocadas pola CIG-Saúde, sindicato que denuncia que a devandita decisión chegara antes de que se aprobara a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, a coñecida como 'Lei Montoro', promulgada en 2012.

Segundo explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a "medida estrela" de Feixoo non atinxiu o resto do persoal da administración pública, que si se viu beneficiada de acordos de mellora salarial coa Xunta.

Neste senso, Abuín critica que, "ao tempo que negociaban estes acordos, (a Xunta) amosaba a súa reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver ao persoal do Sergas os recortes salariais acumulados neses tres anos".

Desde entón e até agora, máis dunha década despois, estas traballadoras e traballadores, os mesmos  que estiveron na primeira liña durante os meses máis duros da pandemia, seguen a reclamar a devolución dos dereitos retributivos que lles corresponden. "O que estamos a pedir non é un incremento salarial; é que nos devolva o que nos leva roubado", matiza a responsábel sindical.

Diferenzas salariais

Eses salarios que tiñan que ter percibido permitirían, ademais, equiparar as súas condicións á media dos servizos de saúde do Estado español. Fronte a iso "seguimos estando retributivamente á cola e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública", lamenta Abuín.

Esa diferenza salarial tamén se fai patente entre o persoal do Sergas de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación, e o resto do persoal da Administración Pública. "É dicir, unha traballadora da Administración Pública que traballa de segunda a sexta percibe unha retribución fronte o persoal do Sergas, cunha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano, de entre 200 e 400 euros”. Diferenza que, segundo afirma Abuín, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta da Galiza.

Ante esta situación, e após ver o papel desenvolvido polo persoal sanitario durante a pandemia, CIG-Saúde considera que, fronte á propaganda, Feixoo "o que ten que facer é devolvernos o roubado. Cremos que xa é hora".

Na súa opinión, o mellor recoñecemento sería deixar de negar a confección dun calendario de recuperación que podería comprender "máis dun exercicio orzamentario”. E xunto á recuperación dos salarios exixen tamén mudar os niveis retributivos que ten cada colectivo para rematar con todos os agravios.

comentarios