Pedir cita presencial na Primaria, cada vez máis lonxe

O Sergas valora manter o actual modelo no que a cidadanía non pode pedir directamente unha cita presencial no centro de saúde. Para tela, debe ser a médica ou médico quen así o valore após unha cita telefónica. 
A directora xeral Estrella López-Pardo, onte no Parlamento (Foto: Parlamento)
photo_camera A directora xeral Estrella López-Pardo, onte no Parlamento (Foto: Parlamento)

"A presencialidade ou non presencialidade ten que ser un tema que decida o persoal, xa o está decidindo". Así se pronunciou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellaría de Sanidade, Estrella López-Pardo, na comisión parlamentaria de Sanidade. Estas declaracións debullan o camiño da reforma da Atención Primaria que a Xunta lle encomendou: o modelo actual veu para ficar.

De facto, Sanidade leva meses reiterando que o obxectivo é recuperar a presencialidade nos centros de saúde a 60% para final de ano. Todo indica pois que prevalecerá o actual modelo imposto pola Xunta co inicio da pandemia e no que non é posíbel pedir directamente unha cita presencial no centro de saúde. 

Para iso, hai que previamente solicitar cita de atención telefónica e é nela cando a médica ou médico valora a necesidade de que o paciente acuda presencialmente á consulta. 

Listas de agarda de 20 días

Durante a comparecencia, a deputada do BNG Montse Prado advertiu de que os problemas na Primaria persisten, "con semanas para conseguir cita, mesmo telefónica, colas de doentes agardando e unha atención presencial insuficiente".

A nacionalista pediu ao Executivo galego que deixe de “buscar responsabilidades fóra e faga o que si depende del". Así, instouno a desenvolver "con urxencia" un plan de recursos humanos "para rematar coa política de precariedade e explotación na contratación", ofertando contratos dignos para evitar que sigan marchando profesionais “fóra ou cara á privada”. De igual modo, instou a Xunta a incorporar "as categorías imprescindíbeis para prestar unha atención integral que permita descolapsar as listas de agarda", con persoal de psicoloxía clínica, terapia ocupacional ou traballo social.

Tamén o portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, denunciou as listas de agarda, incrementadas pola falta de atención presencial, e pediu “concreción, prazos e orzamentos” para levar adiante os cambios necesarios que afronten o colapso.

Desmentiu o "slogan da Xunta sobre un suposto cambio de modelo" e puxo como exemplo "o anuncio dunha renovación de equipos na Primaria que en realidade supuxo cambiar milleiros de impresoras” para soster “un mero titular” mentres nos centros de saúde hai “espirómetros que non funcionan".

Comentarios