venres 24/09/21

Persoal do Sergas reclama a devolución dos salarios "roubados" desde 2010

Profesionais da saúde de todas as áreas sanitarias da Galiza concentráronse este mediodía ás portas dos hospitais cabeceira de distrito para esixir "a devolución dos acordos roubados" desde o ano 2010. 
Concentración na entrada principal do Hospital Lucus Augusti.
Concentración na entrada principal do Hospital Lucus Augusti.

Convocado pola CIG-Saúde, persoal do Sergas denunciou a conxelación dos salarios dos traballadores e traballadoras da sanidade pública galega nos exercicios 2010, 2011 e 2012.

As protestas escoitáronse nas entradas principais dos hospitais de Ferrol, Lugo, A Mariña, Pontevedra, Valdeorras, Monforte, Santiago e O Barbanza. Mais tamén na rotonda do CHUAC e na sede do Sergas en García Barbón, en Vigo.

Segundo lembraron desde o sindicato nacionalista, a decisión que afectou as retribucións do persoal sanitario non atinxiu ao resto do persoal da Administración pública. Foi a "medida estrela" de Núñez Feixoo nada máis ocupar a presidencia da Xunta, censuraron, mesmo antes de que se aprobase a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, en 2012.

Restitución do "roubado"

Desde entón, a CIG-Saúde vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos das traballadoras e traballadores do Servizo Galego de Saúde. Máis, engade, cando desde o Goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial para outros colectivos ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Administración galega.

Neste sentido denuncian unha negativa "reiterada" a negociar un acordo na mesa sectorial para devolverlle ao persoal do Sergas "os recortes salariais acumulados neses tres anos", denunciou a secretaria nacional da CIG-Saúde María Xosé Abuín.

O Sergas, á cola en retribucións

"Feixoo negouse de forma sistemática a estabelecer un calendario de recuperación para lles devolver os salarios conxelados nos exercicios 2010, 2011 e 2012", incidiu Abuín, para matizar que "non estamos a pedir un incremento salarial", senón "que nos devolva o que nos leva roubado". 

Segundo puxeron de manifesto durante as concentracións, a perda acumulada sitúa o Sergas "á cola dos servizos de saúde" desde o punto de vista retributivo. Ademais, salientaron, entre persoal de igual nivel pero cunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da Administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais.

"É dicir, un traballador da Administración pública que traballa de segunda a sexta percibe unha retribución de entre 200 e 400 euros máis que profesionais do Sergas que teñen unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano", precisou Abuín. 

Calendario de recuperación

Desde a CIG-Saúde instan o Goberno galego a pactar canto antes un calendario de recuperación que "estamos dispostas a asumir en máis dun exercicio orzamentario", dixo a secretaria nacional.

María Xosé Abuín pediu, tamén, que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos de cada colectivo para adaptalos a requisitos de titulación e prestación de servizo. 

"Non é de recibo que un administrativo da Xunta da Galiza, para o que o requisito de titulación é o Bacharelato, poida ter un nivel de entre o 18 e o 25 cando un médico ou médica, que ten un requisito de titulación de Medicina e un MIR, teña un nivel 24", denunciou, antes de reclamar o salto deste colectivo ao nivel 26.

comentarios