O persoal sanitario síntese "castigado" pola Xunta ao estar "á cola" do Estado español en salarios

Unha representación das traballadoras manifestouse diante da sede da Xunta para pedir ao seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, unha explicación ao respecto deste "castigo" en forma de conxelación das retribucións. As queixas chegan tamén a través de comunicados e de diferentes áreas de especialización.
Protesta diante da sede da Xunta. (Foto: CIG) #sanidade #sergas #traballadores #cig #saúde #protesta #xunta
photo_camera Protesta diante da sede da Xunta. (Foto: CIG)

Unha parte importante do persoal da sanidade pública galega considérase tratado de forma desigual ao cobrar menos que outras profesionais da mesma especialidade noutro territorio do Estado español. Así o trasladou unha representación de CIG-Saúde, que hoxe exixiu ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a que se debe tal “castigo”.

Con isto, a central sindical alude á realidade das e dos empregados sanitarios galegos, que segundo as súas informacións están “á cola da retribución salarial dos servizos de saúde” con respecto ao resto de territorios que forman parte do Estado.

Ás portas de San Caetano, a responsábel deste sector dentro do sindicato, María Xosé Abuín, explicou que a concentración xurdiu para denunciar o “roubo salarial que Feixoo leva practicando ao persoal da sanidade pública desde 2010”.

Ademais, destacou que o líder do Goberno galego deu unha “negativa reiterada a devolver os salarios”, tal e como están publicados no Diario Oficial da Galiza (DOG) de decembro de 2008.

Neste sentido, acudiu á hemeroteca para contar que cando o presidente dos populares galegos tomou posesión como presidente da Xunta alá por 2009 “conxelou” as retribucións de “2010, 2011 e 2012” do persoal do Sergas porque opinaba que eran “inxustificábeis”.

Abuín alertou de que as pagas publicadas en 2008 situaban ás e aos empregados deste gremio público "na media do resto de servizos de saúde".

Malia esa desigualdade aínda non houbo unha aclaración polo que exixen Feixoo que aclare o por que desa “brecha salarial”, pois a diferencia está entre “200 e 400 euros máis” tendo unha xornada de segunda a sexta feira pola mañá.

"Fai propaganda á nosa costa e ten que explicar por que segue castigando con esa retribución á cola do resto de servizos de saúde e de 200-400 euros de diferenza co resto de traballadores da Xunta cando a nosa prestación é as 24 horas os 365 días do anos", insistiu a sindicalista, molesta porque non se recupere o diñeiro perdido e un axuste das táboas.

Reivindicación de Satse

Neste mesmo sentido manifestouse o Sindicato de Enfermaría (Satse) na Galiza, que considera que existe unha "desigualdade salarial entre as enfermeiras galegas" e as que levan a cabo a súa actividade noutros territorios.

Opina que o Sergas "as discrimina" e advirte de que "non vai tolerar máis" estas desigualdades.

Por exemplo, destacan que "teñen unhas remuneracións na atención da garda localizada entre un 20,95% e un 35% menores que na Comunidade Valenciana e Andalucía, respectivamente".

Comentarios