Alcoa prevé que 32 cubas funcionen a finais de marzo

O proceso de rearranque comezou en 2024
Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, pediu "calma" para o proceso de rearranque da planta de aluminio, ao tempo que destaca que se traballa co cumprimento de "fitos" e que se prevé cumprir o obxectivo de que 32 cubas estean en funcionamento a finais do mes de marzo.  

Zan explicou onte que a pasada segunda feira tiveron unha xuntanza interna coa empresa respecto dos traballos de rearranque. Informouse de que en decembro de 2023 había preparadas catro cubas coas que se iniciaría este rearranque, para o cal "fai falta unha serie de fitos moi largos". 

O presidente do comité remarcou que o 31 de marzo "van a estar 32 cubas rearrancadas", polo que se traballa "cuns tempos que dan un colchón para que, se houbese algún problema gordo, poder asimilalo e aínda así cumprir co 31 de marzo", "a única data importante, se ben cre que esas cubas "seguramente" poidan estar funcionando antes. 
Zan pediu "non meter presión" aos diferentes departamentos para un rearranque que "é moi complexo" e "fai falta calma e tranquilidade no proceso".

Resaltou que "saíu moi ben" onte "o traballo que se fixo entre fundición e electrólise no quecido dese baño no que se meteu líquido dentro da cuba". 

"Agora hai que agardar que sigan producindo os fitos, que hai que gardar uns tempos de quecemento das cubas antes de poder meterlle calefacción e electricidade para que comece con esa tensión a funcionar". 

O pasado 2 de xaneiro, Alcoa informou de que o proceso de rearranque das cubas de San Cibrao decorre desde o inicio de 2024.

Comentarios