18-F

Pontón comprométese a impulsar a "intervención pública" de Alcoa se é presidenta da Xunta

"Vemos unha vez máis como Alcoa incumpre coa Mariña e deixa en ascuas os traballadores e traballadoras, pero tamén o conxunto da comarca", lamentou.
Ana Pontón, no último pleno do Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, no último pleno do Parlamento galego. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo esta quinta feira unha visita ao municipio de Barreiros (A Mariña), onde tamén se atopou coa alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, para coñecer as necesidades do concello. Precisamente, e referíndose a esta comarca, a líder nacionalista comprometeuse a pór enriba da mesa, se é elixida presidenta galega após as eleccións do 18 de febreiro, unha "intervención pública" en Alcoa, como fixo recentemente o Goberno español con Telefónica ao adquirir 10% das súas accións.

En declaracións aos medios, Pontón incidiu en que "o único que se necesita é vontade política". "Se houbo vontade política para Telefónica, ten que haber tamén para Alcoa, porque está en xogo o futuro de toda a comarca da Mariña, o futuro dunha parte da Galiza, e é unha actividade estratéxica no noso país", salientou. O BNG e ela como candidata á Presidencia toman esta cuestión "moi en serio".

"É un tema no que hai que envorcarse e un tema no que debemos estar aí. A nosa proposta é clara, se son a próxima presidenta da Galiza, poremos sobre a mesa unha intervención pública na que participen Xunta e Estado e que garanta o futuro dunha industria estratéxica para Galiza, pero tamén estratéxica para Xunta", manifestou.

"Incumprimento de acordos"

Durante a súa intervención, Pontón observou que hai poucos días puido comprobarse como a multinacional "incumpría os acordos" cos traballadores; concretamente, con algúns dos investimentos máis potentes, como é o caso do novo forno que é "clave" para o funcionamento da fábrica.

"Vemos unha vez máis como Alcoa incumpre coa Mariña e deixa en ascuas os traballadores e traballadoras, pero tamén o conxunto da comarca, porque sabemos a transcendencia que ten para o futuro da Mariña que se siga mantendo o emprego e actividades da única fábrica de aluminio que hai no conxunto do Estado español", engadiu.

Pontón incidiu en que se trata dunha cuestión que "require que os gobernos se poñan á fronte para garantir que non imos estar ao albor dos caprichos dunha multinacional", a cal, ademais, está "a incumprir os seus acordos".

Por iso, a líder do Bloque defende que, desde que empezaron a detectarse problemas, os nacionalistas defenderon que "a solución tiña que porse enriba da mesa é unha intervención pública que garantirá o futuro dunha actividade que é moi importante para A Mariña e que tamén é moi importante para o conxunto da Galiza".

"Quero adquirir un compromiso moi claro e é que, se son presidenta, imos pór sobre a mesa unha intervención pública en Alcoa que garanta o emprego e actividade económica da única fábrica de aluminio que hai no conxunto do Estado, porque é un sector estratéxico, porque é necesario facelo e porque é posíbel facelo. O único que se necesita é vontade política", sentenciou.

Comentarios