O comité de San Cibrao carga contra as "continuas ameazas" de Alcoa: "Se non quere continuar, que deixe paso a outro"

José Antonio Zan exixe "buscar unha solución xa" e que a empresa termine co seu "xogo de trileiros".
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, nunha protesta na defensa dos empregos en Alcoa. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, nunha protesta na defensa dos empregos en Alcoa. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, carga contra a "praga bíblica" de "continuas ameazas" por parte de Alcoa. "Se Alcoa quere continuar, ben. Se non quere continuar, pois que deixe paso a outro", deixa claro. Alcoa advertiu de que os recursos cos que financiou a súa planta de San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), "están perto dos seus límites", mentres que as condicións do mercado, incluído o custo da enerxía, non apoian un reinicio economicamente viábel, polo que terá que tomar "decisións difíciles" con impacto adverso no emprego se non hai cambios substanciais.

En declaracións aos medios e preguntado por esta cuestión, Zan avisa de que "o acordo asinado, sobre o que din que agora teñen problemas, foi asinado polo mesmo CEO da compañía", o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, William Oplinger, "o que é o máximo responsábel xuridicamente dese acordo". E foi asinado "hai menos dun ano", lembra.

"O mercado está plano desde entón, co cal non houbo variación ningunha do mercado", apunta. "O consumo enerxético é mentira, porque non hai consumo enerxético na planta de aluminio. É máis, sería moi fácil asinar unha PPA —acordo enerxético a longo prazo— para esas 32 cubas que se van a arrincar. E as condicións non variaron desde a firma do mesmo", agrega. "Co cal, por ese lado, as queixas económicas non teñen sentido ningún", clamou Zan.

En cambio, William Oplinger sostén que as perdas no Ebitda en 2023 superaron os 150 millóns de dólares (138 millóns de euros) en todo o complexo San Cibrao. Todo iso nun contexto no que Alcoa debe comezar co proceso de reinicio de cubas de forma progresiva desde este mes de xaneiro e até finais de 2025. "As condicións actuais do mercado, incluído o custo da enerxía, non apoian un reinicio economicamente viábel", apuntou o conselleiro delegado de Alcoa.

Alerta polo sucedido en Australia

"Aos traballadores caeulles unha praga bíblica coas continuas ameazas todo o nadal e todos os anos por parte desta empresa", quéixase Zan. Denuncia que isto o sufrente "tanto os traballadores como a comarca, como os dous gobernos, que cada vez que hai unhas eleccións ven metidos neste problema". "O peor de todo é que hai que buscar unha solución e hai que buscar unha solución xa", di.

"O que non podemos seguir é xogando a un xogo de trileiros", avisa o presidente do comité de empresa. "Só hai que ver o que pasou en Australia, que xustamente solicitaron en decembro o apoio do goberno para a ampliación da mina. E unha vez que lla concederon, ao mes seguinte despediron a todos os traballadores da factoría de Kwinana", alerta.

Comentarios