GRÁFICOS | As pensións por xubilación de Lugo e Ourense, as únicas do Estado español por baixo dos 1.000 euros

A Galiza é o quinto territorio do Estado español con máis persoas pensionistas; porén, as contías percibidas por xubilación, viuvez e incapacidade permanente fican á cola.
A proposta de reforma das pensións aumenta a fenda entre mulleres e varóns. (Foto: Europa Press)
photo_camera As pensións por xubilación da Galiza fican case 200 euros por baixo da media estatal. (Foto: Europa Press)

O gasto en pensións alcanzou este mes de outubro unha cifra récord no conxunto do Estado español, 10.887 millóns de euros, o que representa 6,2% máis que no mesmo mes de 2021. Deste modo, e segundo estima o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, esta partida ascendeu a 11,8% do PIB, se ben é un rexistro inferior ao de outubro de 2021 (12,1%) e 2020 (12,4%).

Deses 10.887 millóns, até 72,5% foi parar ao pagamento das pensións por xubilación, mentres as de viuvez correspóndense con 16,8% e as de incapacidade permanente, 9%. O resto destinouse a prestacións por orfandade (1,4%) e a favor de familiares (0,3%).

Porén, a distribución territorial destas contías resulta desigual, pois oscila desde os 1.541,65 euros de pensión media por xubilación de Euskadi aos 1.047,56 de Estremadura, que só supera a Galiza, con 1.066,66 euros. A media estatal é de 1.257,9 euros.

Aliás, destes rexistros que vén de actualizar o Ministerio cos datos de outubro despréndese tamén que, máis un mes, Lugo e Ourense fican á cola do Estado no que atinxe ás prestacións por xubilación, sendo os únicos territorios nos que a contía fica por baixo dos 1.000 euros, con 951,4 e 894,21 respectivamente.

Viuvez e incapacidade permanente

O informe debulla tamén os datos correspondentes ás pensións por viuvez e incapacidade permanente, ámbitos nos que a Galiza permanece tamén na zona baixa. Así, a prestación media por viuvez de 660,1 euros mensuais, o que representa 220,54 euros menos que a media. Esta cifra é a máis baixa do Estado e 51 euros inferior que o seguinte na táboa, Estremadura.

Por outra parte, a contía media para as pensións por incapacidade permanente das galegas e galegos é de 940,36 euros, case 100 por baixo do conxunto estatal e superando só os datos de Estremadura (879,6 euros) e Murcia (935,27).

En termos globais, na Galiza o Ministerio concedeu en outubro 482.310 prestacións por xubilación, 71.255 por incapacidade permanente e 184.520 por viuvez —a quinta cifra máis elevada nos tres casos após Andalucía, Catalunya, Madrid e País Valencià—.

Comentarios