A patronal do metal acusa a CIG de "uso político" do convenio

Os representantes das empresas pediron que se suspendan as xornadas de paro convocadas para os próximos 6, 7, 12 e 13 de xullo

Manifestantes do sector do metal diante de axentes da Policía nos arredores do Ifevi de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Manifestantes do sector do metal diante de axentes da Policía nos arredores do Ifevi de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

As asociacións patronais do metal de Pontevedra arremeteron esta terza feira contra a CIG, tras as súas "declaracións irrespectuosas" sobre o conflito que afecta o sector, que se atopa pendente da negociación do seu convenio, e acusou a central nacionalista de facer un "uso político" desa negociación, á vez que volveron a exixir o fin da folga.

Así, os representantes das empresas pediron que se suspendan as xornadas de paro convocadas para os próximos 6, 7, 12 e 13 de xullo para levar a cabo "unha negociación efectiva e sen coaccións" do convenio, e lamentou que os sindicatos senten á mesa negociadora "a tentar rabuñar votos para o partido político do que dependen", en alusión á CIG.

A patronal rebateu as acusacións da central sindical lamentando o "descoñecemento" do sector que ten o seu secretario xeral, Paulo Carril, que "fala de perda de poder adquisitivo cando a realidade do últimos tres anos foi unha subida de salarios de máis de 13 %".

Segundo criticou a patronal do metal, os líderes sindicais están a transmitir "mentiras e falsidades" aos traballadores e ás traballadoras, e mostráronse "sorprendidos de que UXT e CCOO sigan as instrucións e ordes da CIG, incluso acompañando en manifestacións con actos vandálicos e violentos". A patronal do metal fai referencia así no seu comunicado ás mobilizacións de traballadores e traballadoras que decorreron o pasado mes con forte represión policial. E todo iso, engadiron, a pesar de que a CIG non asinou o últimos seis convenios do metal na provincia.

"É decepcionante ver as declaracións da CIG e como tentan enganar os traballadores para xustificar os seus intereses políticos no 23-X", apostilou a patronal, que non só pediu a desconvocatoria das mobilizacións, senón que reclamou á Delegación e Subdelegación do Goberno español na Galiza "a máxima protección" para que os traballadores que non queiran secundar os paros poidan acudir aos seus postos tendo a salvo a súa integridade.

Finalmente, volveron insistir en que os representantes empresariais "nunca" abandonaron a negociación e acusou aos sindicatos de pretender impor "unha ditadura sindical" con "obxectivos electoralistas".

Asemblea de CCOO

Por outra banda, o sindicato CCOO informou da celebración dunha asemblea de delegados do sector, na que se acordou que calquera convocatoria de folga, máis aló dos paros xa fixados, debe decidirse nunha asemblea conxunta de delegados dos tres sindicatos (CIG, CCOO e UXT).

Así mesmo, acordouse que, se a patronal non desbloquea as negociacións, o propio sindicato poderá convocar a mesa do metal, aínda que non acudan os representantes das empresas.

A próxima mobilización prevista do sector será esta quinta feira, 6 de xullo, cunha manifestación que sairá ás 11 horas da praza dos cabalos de Vigo, para percorrer Gran Vía, a avenida de Castrelos, Balaídos, Florida, Ricardo Mella, camiño Caramuxo e acabar na avenida de Citroën, fronte á porta principal da planta de Stellantis.

Comentarios