A CIG denuncia o intento da patronal do metal de "criminalizar" a folga porque quere "traballadores submisos"

Paulo Carril acusa a patronal do metal de Pontevedra de exercer "como un capataz dunha plantación de algodón".
Francisco González Sío e Paulo Carril, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Francisco González Sío e Paulo Carril, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O sindicato CIG denunciou esta segunda feira o intento da patronal do metal da provincia de Pontevedra de "criminalizar" a loita dos traballadores e de querer operarios "submisos e obedientes", á vez que reivindicou que foi a través de folgas e presión como se conseguiron incrementos salariais nos convenios por riba da media galega e estatal.

Así o trasladou en rolda de prensa o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, quen subliñou que os aumentos de salarios, os convenios con cláusulas de revisión e outros logros foron froito da mobilización dos traballadores e tamén da negociación e o diálogo.

Con eses mecanismos, indicou, asináronse acordos en diferentes sectores na Galiza, e tamén no metal das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. En cambio, lamentou, a patronal do metal de Pontevedra "exerce como un capataz dunha plantación de algodón", como "mamporreiros", e non só tenta "criminalizar" a folga senón que "instiga actuacións policiais desproporcionadas e ilegais".

Todo iso, engadiu Carril, para "ocultar a súa incapacidade e a súa nula vontade de negociar". "No canto de repartir estaca, que dean máis salarios", proclamou o secretario xeral da CIG, que advertiu de que os representantes empresariais "queren traballadores submisos e obedientes", mentres os beneficios das compañías seguen subindo.

Paulo Carril: "Non é incompatíbel negociar coa folga"

Paulo Carril reiterou o xa trasladado polas federacións comarcais de Industria de CIG, CCOO e UXT, no sentido de que se manterán as mobilizacións a pesar de que a patronal puxo a suspensión da folga como condición para retomar as negociacións. "Non é incompatíbel negociar coa folga. A folga é imparábel, a isto abocounos a patronal", apuntou, e insistiu en que, visto o ocorrido noutras provincias, "o problema teno Asime e a patronal de Pontevedra".

Por outra parte, o secretario xeral da CIG manifestou a súa preocupación porque "algún alcalde" se sume "á idea de criminalizar" as protestas en certos sectores, en lugar de "pór a vista na parte máis débil, que son os traballadores".

Mentres, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, proclamou que as reivindicacións dos traballadores, tanto no sector do metal como noutros, "son adecuadas" á situación de perda de poder adquisitivo e crise inflacionaria. "Parece que pedimos algo inasumíbel, mais non é así", dixo, e explicou que os convenios industriais asinados no que vai ano na provincia recollen un incremento salarial medio de 5%, e até 97% teñen claúsulas de revisión.

Comentarios