A CIG exixe a dimisión do delegado do Goberno pola actuación "desproporcionada" na manifestación do metal

Un forte dispositivo policial bloqueou a manifestación autorizada do persoal do metal en Vigo.
Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal nunhas mobilizacións acontecidas en Vigo neste 2023. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

Milleiros de traballadores do metal de Pontevedra volveron concentrarse esta cuarta feira nas inmediacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde decorría a feira Mindtech organizada pola patronal, tras unha manifestación cuxa marcha foi bloqueada por un forte dispositivo policial.

Na terceira xornada de folga, miles de operarios participaron nunha asemblea na que os responsábeis da CIG, UXT e CCOO apelaron á unidade de acción e a manter a presión para conseguir as melloras que reclaman. 

As centrais sindicais tamén advertiron que manterán as mobilizacións até que a patronal acceda ás súas peticións por "un convenio digno" e reiteraron a súa oferta de diálogo.

Posteriormente, o persoal do sector do metal dirixiuse en manifestación cara ao Ifevi, mais non puideron achegarse tan sequera á entrada do recinto, como si fixeron a pasada terza feira, xa que os accesos e as estradas dos arredores contaban cun amplo despregue de axentes policiais.

Os responsábeis das organizacións sindicais convocantes da manifestación (que contaba con autorización) intentaron sen éxito que a marcha continuase negociando coa forzas antidisturbios, que optaron por realizar varias cargas empregando pelotas de goma que deixaron ducias de persoas feridas.

A CIG exixiu a dimisión do delegado do Goberno do Estado español pola "desproporcionada" actuación policial, así como por impedir unha manifestación autorizada.  

O BNG de Vigo tamén exixiu responsabilidades á Delegación do Goberno estatal por impedir a manifestación con cargas. “Ningún evento, tampouco a Mindtech, está por riba do exercicio de dereitos fundamentais como o dereito a folga e manifestación”, dixo o portavoz da formación, Xabier Pérez Igrexas.

Ante a imposibilidade de achegarse ao Ifevi, a manifestación dispersouse e operarios do metal cortaron a AP-9 á altura da saída do aeroporto de Peinador e en dirección á ponte de Rande.

Menos afluencia da esperada no Mindtech

A feira Mindtech, organizada pola patronal do metal, acabou esta cuarta feira tras recibir unhas 7.000 visitas, 70% da afluencia que se esperaba, unha situación que a organización atribuíu ás manifestacións do persoal do metal na contorna do Ifevi.

Comentarios