Os sindicatos culpan a patronal do metal da represión policial en Vigo

Asime cualificou de "inxustificábel" a actuación dos traballadores.
Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal nunhas mobilizacións acontecidas en Vigo neste 2023. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

A CIG acusou o Goberno español de "pregarse aos intereses das patronais do sector do metal de Pontevedra ao impedir unha manifestación autorizada dos traballadores en Vigo no marco da terceira xornada de folga [esta quinta feira] para reclamar un convenio colectivo digno". 

Ao mesmo tempo, a central sindical esixiu a dimisión do delegado do Goberno estatal "ante a desproporcionada actuación dos corpos policiais, que deixou ducias de persoas feridas".

Pola súa parte, CCOO culpou directamente a patronal do ocorrido, acusándoa de falar coa Subdelegación do Goberno estatal para que non lles permitiran acceder ás inmediacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). 

Ademais, o sindicato asegura que "os incidentes non se terían rexistrado de permitir aos manifestantes acceder até a rotonda de Peinador", como tiñan previsto coa autorización.

A organización indicou que "varios manifestantes resultaron feridos polas pelotas de goma lanzadas pola Policía". Ao respecto, o sindicato lamentou que "eses artefactos son para tirar contra o chan e que reboten ou por baixo da cintura". 

Con todo, denunciaron desde CCOO, "viuse como os axentes os lanzaron contra os traballadores de forma directa". Alén diso, sinalaron, o seu representante Celso Carnero chegou a ser golpeado por unha bola de goma da Policía no seu pescozo.

Asime carga contra os manifestantes

En contraposición, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), parte da patronal, cualificou de "inxustificábeis" os "actos violentos e de vandalismo" por parte dos manifestantes que, segundo sinalaron, "vulneran os dereitos fundamentais e prexudican o propio dereito á folga e manifestación".

Comentarios