Operarios do naval enchen as rúas de Vigo após o accidente laboral que lle custou a vida a un traballador do estaleiro Armón

"As administracións e a clase empresarial deste país teñen que pór fin a esta lacra, achegando medios e recursos para que os traballadores desenvolvan a súa actividade en contornas seguras", lamentaron CIG, CC.OO. e UXT referíndose á situación dos estaleiros.
Centos de persoas enchen as rúas de Vigo en protesta polo operario morto no estaleiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Centos de persoas enchen as rúas de Vigo en protesta polo operario morto no estaleiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

Traballadores do naval mobilizáronse esta quinta feira en Vigo para reivindicar unha maior seguridade laboral tras a morte na cuarta feira dun operario no estaleiro Armón, situado na avenida de Beiramar da cidade olívica.

Así, CIG, CC.OO. e UXT convocaron unha manifestación que comezou ás 9 horas precisamente desde as instalacións de Armón e percorreu as rúas até a Inspección de Traballo.

Nun comunicado, os sindicatos mostraron a súa "repulsa" ante un novo accidente laboral mortal que "podería evitarse". "As administracións e a clase empresarial deste país teñen que pór fin a esta lacra, achegando medios e recursos para que os traballadores desenvolvan a súa actividade en contornas seguras", lamentaron, referíndose concretamente á situación dos estaleiros.

A CIG quixo mostrar tamén o seu "apoio e agarimo" á familia do falecido, así como aos seus compañeiros e amigos ao tempo que criticaron a situación en que se encontraba: "Traballaba nunha subcontrata doutra subcontrata".

Para alén diso, a CIG salienta que como sindicato "leva anos reclamando que se garanta o traballo seguro e se recupere o respecto polo persoal das auxiliares, que padece todo tipo de presións e malos tratos por parte das súas empresas e das principais e demandando da Inspección un maior control sobre as auxiliares piratas” que regresaron ao sector.

Finalmente, na central nacionalista consideran urxente frear o modelo de estaleiro de síntese “baseado na presión, precarización e baixo custo que se está a implantar na ría co beneplácito da Xunta e que levou o sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e no cal se perde a vida traballando”.

Os feitos

Tal e como informaba Nós Diario, esta cuarta feira un operario do estaleiro Armón perdeu a vida tras quedar atrapado nun guindastre.

Os servizos de emerxencia tiveron constancia do suceso pouco despois das 12 horas e até o lugar desprazáronse tres ambulancias.

Unha vez no punto, os sanitarios lograron liberar o traballador, E.R.A. de 41 anos de idade, que pouco despois perdeu a vida sen que os efectivos desprazados ao momento puidesen facer nada para o salvar.

Comentarios