A Galiza é o territorio con máis accidentes mortais de autónomos

O país conta co maior índice de sinistralidade laboral.
Ambulancia do 061 (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Ambulancia do 061 (Foto: Xoán Roberes).

A Galiza é o territorio do Estado cun maior número de falecementos de persoas traballadoras por conta propia a causa de accidentes de traballo no que vai de ano 2023 (con datos computados até o final do mes de abril), período no que morreron un total de seis mentres desenvolvían a súa actividade laboral.

Segundo os datos expostos esta sexta feira pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA), o número de accidentes laborais mortais sufridos por traballadoras por conta propia aumentou  40% a nivel estatal con respecto ao mesmo período de 2022.

En total, no conxunto do Estado español, 29 autónomos perderon a vida en accidente de traballo nos catro primeiros meses do ano, sendo a Galiza o territorio con maior número de falecementos (20,7% do total).

“Son dramáticos os datos de sinistralidade. Somos os grandes esquecidos da Administración. Nin a nivel estatal nin na Galiza se poñen en marcha políticas que fomenten unha cultura preventiva e que informen e formen aos autónomos de cales son os riscos derivados do seu traballo e como afrontalos”, asegurou José Luis Perea, secretario xeral de ATA.

O informe, elaborado cos datos Ministerio español de Traballo e Economía Social, indica que a Galiza é a autonomía do Estado co índice de falecementos no traballo máis alto no cómputo xeral (tendo en conta tanto as persoas traballadoras por conta propia como as asalariadas).

Por outra parte, do documento de ATA tamén se desprende que as asalariadas teñen unha incidencia de accidentes de traballo tres veces superior que as traballadoras por conta propia.

Os salarios galegos soben menos que os do Estado

Entre xaneiro e marzo, os salarios na Galiza (todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) subiron 4,7% interanual en termos brutos, até situarse nunha media de 1.848,22 euros ao mes por persoa traballadora. A suba é menor que a do conxunto do Estado, onde salarios ascenderon 6,2% até os 2.897,87 euros ao mes.

Comentarios