O naval de Vigo toma as rúas após a morte dun traballador: "Hai un ano faleceu outro e non se puxeron medios para paralo"

"Xa son máis de 600 as vítimas mortais en accidentes laborais que levamos no noso país e a Administración xa ten que tomar nota", apuntou Rubén Pérez, de UXT.
Manifestación do naval vigués pola morte dun operario. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Manifestación do naval vigués pola morte dun operario. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Traballadores do sector naval de Vigo, unhas 1.500 persoas segundo fontes sindicais, saíron á rúa esta sexta feira para exixir maiores medidas de seguridade tras o falecemento dun operario de 42 anos de idade que foi esmagado esta quinta feira, 24 de novembro, por un bloque de aceiro de grandes dimensións mentres se dispuña a realizar a descarga do mesmo no estaleiro vigués Cardama.

A manifestación, convocada polos sindicatos CCOO, UXT-FICA e CIG, parou as máquinas do naval vigués, como é habitual tras o falecemento dun traballador para mostrarlle o seu respecto. Os empregados saíron dos diferentes estaleiros da cidade contra as 9.30 horas para dirixirse até a delegación territorial da Xunta en Vigo, onde reclamaron maiores medidas de seguridade e o retorno das mesas do Sector Naval, entre elas a de prevención de riscos.

"Estas noticias sempre son unha mazada", sinalou Celso Carneiro, de Comisións Obreiras. "É algo inaudito e que non acabamos de entender, como un traballador vai ao seu posto de traballo como todos os días e xa non volve á casa. O impacto que este feito ten para a súa familia, os seus amigos e os seus compañeiros. É o máis triste que hai, que un compañeiro perda a súa vida no seu posto de traballo", engadiu.

Carneiro tamén indicou que, esta sexta feira, o sector saíu á rúa nunha mobilización que buscaba "arroupar a familia do falecido e exixir maiores medidas de seguridade nunha industria tan dura e complicada como é a do naval". Así mesmo, o secretario xeral da Federación de Industria de UXT, Rubén Pérez, mostrou o seu pesar á familia do traballador falecido.

"Lamentabelmente esta sexta feira Vigo está de loito. Xa son máis de 600 as vítimas mortais en accidentes laborais que levamos no noso país e a Administración xa ten que tomar nota", destacou. Pérez tamén falou da necesidade de "máis recursos preventivos e máis inspección de traballo para combater esta verdadeira secuela".

Pola súa parte, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, comentou que o sector "sente raiba" por "algo que se está producindo habitualmente". "Xa hai un ano faleceu outro traballador e non se puxeron medios para paralo. Nin a Xunta, nin inspección de traballo, que teñen competencias en poder solucionalo e están a mirar para outro lado deixando que a precariedade, e as empresas piratas estean a facer que os traballadores do sector sexan carne de canón", proseguiu.

Nesta mesma liña, o responsábel do Naval da CIG en Vigo, César Rodríguez, solicitou que as administracións non sigan abandonando a un sector "perigoso e tradicionalmente ligado a accidentes" e que estas "estean máis enriba das empresas".

Mesa do naval

Os sindicatos reclamaron esta sexta feira que se reúna a mesa do sector naval, un feito que non sucede desde hai 12 anos, para impedir que se repitan situacións como a ocorrida esta quinta feira no estaleiro Cardama, situado na Avenida de Beiramar da cidade olívica.

"Que se reúna a mesa do naval é fundamental porque é o interlocutor que xunta todas as partes involucradas. Está a Administración, Inspección de Traballo, os sindicatos, as direccións dos estaleiros e a empresa auxiliar. É aí onde hai que poñer as bases para saber cara a onde vai o sector e dignificalo", comentou Rodríguez.

Así as cousas, en Ferrol, traballadores de Navantia abandonaron os seus postos de traballo ás 10.30 horas como mostra de solidariedade e apoio á familia, compañeiros e amigos do operario falecido no estaleiro vigués, así como para reclamar máis seguridade no sector.

Comentarios