Nova Pescanova despedirá dos seus servizos centrais 100 persoas

Abanca negocia con Cooke desfacerse da pesqueira.
Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Nova Pescanova, en Vigo (Foto: Europa Press).

A multinacional pesqueira Nova Pescanova fixo onte pública a intención de despedir 100 traballadoras e traballadores dos seus servizos centrais. O anuncio coñécese un día antes da toma de posesión formal como conselleiro delegado da compañía de Jorge Escudeiro e cando continúan as negociacións entre Abanca e a canadense Cooke para a venda da empresa.  

Nova Pescanova iniciou os trámites para aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de carácter extintivo nos servizos centrais das súas sedes de Chapela, en Redondela (comarca de Vigo), e Madrid. Segundo sinala a pesqueira, o ERE afectará arredor de 100 persoas. A compañía explica que o obxectivo da decisión é "adaptarse a unha contorna global desafiante e asegurar a sustentabilidade da empresa a longo prazo”. Nesta dirección, apunta que explorou "todas as alternativas posíbeis" e que tomou "medidas para minimizar o impacto" no emprego.

"Tras os resultados do último exercicio, derivados principalmente dos elevados custos e da contorna inflacionaria, a compañía considera imprescindíbel optimizar a súa estrutura para adaptala a un mercado que atravesa un momento moi difícil", expuxo Nova Pescanova. A este respecto, di buscar, cos recortes, "mellorar a súa posición" no mercado e "manter a excelencia nos seus servizos e produtos".

O anuncio dos despedimentos faise efectivo cando Abanca, primeiro accionista da empresa con 97% do capital, negocia a venda de 80% das súas participacións ao grupo canadense Cooke, que inicialmente amosou o seu interese pola multinacional pesqueira de orixe galega. Porén, os contactos entre unha e outra parte suspendéronse nos meses de verán debido ás diferenzas xurdidas en relación ao estado contábel da empresa.  

As dúbidas de Cooke afloraron a raíz de que a auditora Ernst & Young advertira nun informe de "deficiencias de caixa de 150 millóns de euros" en Nova Pescanova. Un feito que obrigou Abanca a inxectar 150 millóns á pesqueira.

Comentarios