A CIG reclama garantías de mantemento dos empregos en Nueva Pescanova

A central sindical valora de xeito negativo a venda da empresa.

Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Nova Pescanova, en Redondela. (Foto: Europa Press)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) valorou esta sexta feira de maneira negativa a venta de Nueva Pescanova á multinacional canadense Cooke.

A central sindical non comparte “en absoluto” a valoración feita polo conselleiro de Economía, Innovación e Industria, Francisco Conde, e entende como “unha pésima noticia que este espolio dunha empresa que era 100% de capital galego poida ser vista con tan bos ollos” polo vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza.

A este respecto, a CIG subliña que a entrada de capital foráneo non constitúe para nada “unha garantía de mantemento” da totalidade dos actuais postos de traballo, que suman máis de 800 empregos directos entre os tres centros produtivos e as oficinas de Chapela, en Redondela (comarca de Vigo).

Modelo de negocio de Cooke

Así, a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, considera que o feito de non coñecer o modelo de negocio “fainos ser extremadamente cautelosos até que se informe desa cuestión, vital para asegurar o emprego a curto e longo prazo, así como as condicións laborais”.

Por todo isto, a CIG reclama información “clara e concreta” sobre que modelo de negocio ten o grupo Cooke e garantías de continuidade da actividade produtiva e dos empregos.

Demándalle, tamén, á Xunta da Galiza que “vixíe que esta operación non supoña afondar no desmantelamento do noso tecido industrial nun sector, ademais, estratéxico para o noso país”.

A CIG fai unha petición expresa a que “na maior brevidade posíbel”, por parte da dirección do consello de Administración de Nueva Pescanova se manteña unha xuntanza coa representación social na que se informe “en detalle” de todas aquelas cuestións que afectan o conxunto das persoas traballadoras que actualmente ten o grupo na Galiza, “tanto no relativo ao modelo de negocio, como ao mantemento do emprego, e das condicións laborais”.

Rueda pide que a empresa manteña o domicilio fiscal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demandou, despois de transcender as negociacións de Abanca co grupo Cooke para a venda de 80% da participación total do banco en Nova pescanova, que a empresa siga mantendo a súa "viabilidade", ligada a "moitísimos" empregos, así como o seu domicilio social e fiscal na Galiza.

Comentarios