A crise no sector da automoción golpea no crecemento das exportacións galegas

A automoción, outrora motor do crecemento da economía galega, fai caer as exportacións en plena loita contra a crise dos 'microchips'
Vehículos do grupo Stellantis agardan a ser exportados na planta da multinacional en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Vehículos do grupo Stellantis agardan a ser exportados na planta da multinacional en Vigo (Foto: Stellantis)

Non hai crise que non teña as súas consecuencias. No caso da Galiza, a difícil situación pola que atravesa o sector da automoción, con paros constantes por falla de subministración na principal industria, Stellantis, está a pasar factura no comercio de bens a terceiros países, en parte pola caída da produción derivada destes paros. 

Segundo os datos de comercio exterior recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións rexistraron en xullo a segunda maior caída do Estado español (-10,9%), cun valor de 1.744 millóns, mentres que as importacións aumentaron na mesma porcentaxe, até os 1.643,9 millóns de euros, o que deixa un saldo comercial positivo de 100,4 millóns de euros, 78,9% inferior ao de xullo de 2020.

A automoción, que hai uns meses tiraba das exportacións, representando 35% do total exportado no país, experimenta unha forte caída. As manufacturas de consumo, co téxtil á cabeza, lideraron as vendas ao extranxeiro, con 22,1% do total, pese a caer 15,8% es taxa interanual. No caso da automoción, que representou en xullo 20,4% dos bens exportados, cun volume de 356,5 millóns de euros, experimentou unha contracción de 38,7% respecto dos valores do mesmo mes do pasado ano. 

O terceiro sector que máis exportou foi o de alimentación, bebidas e tabaco (17,9% do total), que segue a crecer mes tras mes. Desta vez  5,4% interanual, até os 312,2 millóns de euros.

Acumulado do ano

As cifras melloran no acumulado do ano. Entre xaneiro e xullo, as exportacións incrementáronse na Galiza 23,3%, até alcanzar os 13.077,4 millóns, mentres que o valor das importacións subiu outro 23,8%, ata 11.078,7 millóns, o que arroxa un saldo positivo de 1.998,8 millóns de euros, desta vez, ao contrario do que acontece co mes de xullo (-78,9%), cun crecemento interanual de 20,5%.

A automoción, á espera de ver se a evolución á baixa continúa nos próximos meses como consecuencia da chamada 'crise dos microchips', segue a liderar o crecemento das exportacións galegas, aínda que perde forza. Nos sete primeiros meses do ano, as vendas do sector ao exterior representan 26,1% do total (3.406,9 millóns de euros), o que supón 30,9% máis con respecto ao mesmo período do ano anterior.

As manufacturas de consumo, que representan 20% do total (2.614,8 millóns de euros), medran 9,7% en taxa interanual, mentres que os bens de equipo (14,6% do total e 1.910,2 millóns de euros), experimentaron un incremento de 52,7% fronte aos datos de 2020. 

Por destino dos bens, as exportacións á Unión Europea  (70,3% do total) presentan en xullo unha taxa de variación interanual de -13,3%. Diminúen as vendas cara ao noso comprador máis importante, Francia (-33,4%), así como cara países como Bélxica (-43,5%) e Polonia (-16,2%). Pola contra, aumentan en Portugal (6,0%), Alemaña (5,1%) e Italia (3,5%), así como cara a países como Grecia (34,2%). Con respecto ao resto de países, destaca o aumento das dirixidas cara Marrocos (26,7%) e a diminución das que teñen como destino o Reino Unido (-45,1%).

Un cento de baixas en Stellantis

O mesmo día que se coñecían os datos de comercio exterior, Stellantis anunciaba que a suspensión da quenda da fin de semana do sistema 2, o que monta furgonetas e monovolúmenes na planta de Vigo, suporá a recolocación dunhas 650 persoas, mentres que outro cento chegará ao final do seu contrato e non se lles renovará.

Así se trasladou na reunión mantida esta segunda feira, 20 de setembro, e que marcou o inicio das negociacións entre a empresa e os representantes sindicais para abordar a eliminación "temporal" desta quenda e determinar cando e con que medidas vai formalizar esa suspensión.

A empresa propuxo que a suspensión se faga efectiva a partir do 3 de outubro, último día "programábel", para, deste modo, "axilizar mobilidades e formacións" e para reacomodar actividade.

Comentarios