O metal de Pontevedra mantén a folga ao fracasar as negociacións entre sindicatos e patronal

Os sindicatos critican a "falta de avance" da patronal nas negociacións do convenio.
Manifestación do metal en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do metal en Vigo (Foto: Nós Diario).

Sindicatos e patronal do metal non alcanzaron esta segunda feira un acordo de convenio colectivo para o sector no ámbito pontevedrés, polo que se mantén as xornadas de folga anunciadas para o día de hoxe, 20 de xuño, así como para esta quinta feira 22. 

Ante este escenario, segundo explicaron as centrais sindicais, "non hai posibilidade" de chegar a un acordo, polo que decidiron manter as dúas xornadas de folga desta semana, que coinciden precisamente coa Feira Mindtech do sector do metal, que dará comezo hoxe no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Así mesmo, a CIG vén de convocar unha nova xornada de folga o próximo 28 de xuño, á que previsibelmente, segundo puido saber Nós Diario, tamén se adherirán CCOO e UXT.

O encontro desta segunda feira entre a patronal e os sindicatos prolongouse desde as 9 até as 15 horas e fechouse sen acordo "pola negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao Índice de Prezos de Consumo (IPC) real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas", destacaron os sindicatos despois da reunión. 

O secretario comarcal da federación de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández, incidiu en que estas tres cuestións “son esenciais” á hora de asinar un acordo que permita desbloquear o conflito laboral no sector. 

Fernández lembrou que no caso de que a patronal “non reconsidere a súa posición e achegue unhas propostas que permitan dignificar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector” desenvolverán, ademais da de hoxe, as dúas xornadas de folga previstas para o 22 e o 28 de xuño.

Celso Carnero, de CCOO, lamentou que as seis horas de reunión, no que foi o duodécimo encontro coa patronal, non servisen para asinar un preacordo para o convenio colectivo. 

"Houbo moitos recesos e poucos avances. A parte empresarial só avanzou en materia económica, mais segue sen avanzar nos temas que lle expuñamos desde o inicio, temas clave como a redución da xornada ou a cláusula de revisión do IPC cos atrasos desde xaneiro", subliñou o sindicalista.

Pola súa parte, o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal (Asime), Enrique Mallón, afirmou que a patronal fixo "enormes esforzos" para intentar chegar a un acordo.

Comentarios