O sector do metal demanda en Vigo a actualización salarial conforme ao IPC

A CIG anuncia que intensificará as protestas polo "desprezo" da patronal.
Manifestación do metal en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do metal en Vigo (Foto: Nós Diario).

A CIG-Industria anunciou onte que intensificará as protestas no metal da provincia de Pontevedra en resposta ao “desprezo” da patronal ao persoal do sector coa última proposta presentada esta cuarta feira na mesa de negociación do convenio colectivo.

Esa mesma xornada, delegadas e delegados da central sindical no metal realizaron unha asemblea en Vigo para abordar as pretensións do empresariado e marcar unha folla de ruta de mobilizacións para reclamar o que consideran “un acordo digno”.

Ao remate do encontro manifestáronse desde Vía Norte até a sede das patronais ATRA e Instalectra, na cidade olívica, ao berro de “convenio digno” e “metal solución”. 

"Desprezo" empresarial 

Desde a central nacionalista consideran un “desprezo” e unha “provocación” a proposta salarial empresarial que significaría un 4,5% total nos tres anos de duración do convenio (0,5% en 2023, 2% en 2024 e 2% en 2025).

Ademais, a patronal defende a eliminación da limitación dos contratos por ETT, ampliar de 6 a 12 meses os contratos de duración determinada por circunstancias da produción, regular os contratos fixos descontinuos, limitar as vacacións en determinados meses do ano e suprimir os tres días de licenza por nacemento ou adopción. 

A CIG considera que estas propostas son unha “burla” que confirma que a falta de persoal no sector á que alude periodicamente a patronal ten que ver con que “o que queren son escravas e escravos”.

Por iso demandan unha actualización salarial conforme ao IPC, reducir a xornada de traballo anual e garantir a subrogación do persoal das empresas privadas.

Comentarios