O sector do metal convoca tres xornadas de folga para mellorar o convenio de Pontevedra

A CIG, CCOO e UXT rexeitan as propostas de convenio “insultantes” achegadas pola patronal.
Celso Carnero, de CCOO, Xulio Fernández, da CIG, e Rubén Pérez, de UXT (Foto: Nós Diario).
photo_camera Celso Carnero, de CCOO, Xulio Fernández, da CIG, e Rubén Pérez, de UXT (Foto: Nós Diario).

Despois do éxito da mobilización social para mellorar as condicións laborais do sector do metal no convenio de Lugo, agora toma o relevo o de Pontevedra. Desta forma, as centrais da CIG, CCOO e UXT anunciaron esta segunda feira a convocatoria de tres xornadas de folga no sector do metal de Pontevedra ante as propostas de convenio “insultantes” achegadas pola patronal nas últimas xuntanzas.

Os paros terán lugar os vindeiros días 15, 20 e 22 de xuño, mais antes, esta quinta feira día 9, os tres sindicatos desenvolverán unha concentración diante da sede da asociación empresarial Asime en Vigo ás 11 horas. As tres centrais censuran que se siga a insistir nun incremento salarial “ridículo” de 0,5%, 2% e 2% para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, e sen cláusula de revisión.

Mais tamén que se pretendan introducir as Empresas de Traballo Temporal (ETT) no sector, reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.

Responsábeis das federacións de Industria dos tres sindicatos en Vigo compareceron esta segunda feira en rolda de prensa para explicar que tras nove xuntanzas coa patronal “non hai ningún avance” que permita vislumbrar a posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán. Culparon disto ás propostas “irrisorias” achegadas polo empresariado, unhas propostas “insultantes” que “raian a provocación”.

Diante disto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, indicou que “apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo".

"Isto pasaría por acordar unha serie de medidas que consideramos totalmente asumíbeis, como son introducir unha cláusula de revisión salarial conforme ao Índice de Prezos de Consumo (IPC); garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas; reducir a xornada laboral anual en 24 horas, xa que é unha das máis altas de Galiza; diferenciar as distintas categorías laborais; regular as gardas de traballo, e mellorar as licenzas”, sinalou Fernández.

Os tres sindicatos consideraron que se a patronal asume estas propostas a posibilidade de acordo “daría un salto cara a adiante”, mais lamentaron o “inmobilismo” do empresariado e a súa “incapacidade” de chegar a calquera tipo de pacto.

“A patronal sabe que non imos permitir o seu ritmo de negociación, sen avances e con xuntanzas de recheo para dilatar o acordo. Temos que chegar a un acordo antes do verán, porque a situación dos traballadores e traballadoras é moi dura, tras varios anos co IPC disparado”, concluíron.

Comentarios