Traballadores do metal concéntranse ante a patronal por un convenio 'digno'

O sector convocou xornadas de folga para os días 15, 20 e 22 de xuño.
Traballadores do metal concentrados esta sexta feira ante a sede de Asime en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores do metal concentrados esta sexta feira ante a sede de Asime en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Centos de traballadores do metal concentráronse esta sexta feira, 9 de xuño, perante a sede da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime) polas "ridículas" propostas da patronal para o novo convenio colectivo do sector na provincia de Pontevedra.

Os traballadores fixéronse oír en Vigo con berros de "Por un convenio digno, por un salario xusto", "Convenio do metal, solución" ou "Sobe o IPC, os salarios tamén".

Tal e como afirmou o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, esta concentración representa o inicio das mobilizacións previstas para defender o convenio do sector após as "irrisorias e insultantes" propostas ofrecidas pola patronal na negociación do novo documento.

Así, recordou que están convocadas tres xornadas de folga para os días 15, 20 e 22 deste mes, precisamente coincidindo coa feira Mindtech do sector do metal, organizada por Asime entre o 20 e o 22.  

Pola súa parte, Rubén Pérez, de UXT, lamentou que após seis meses de negociación non se avanzara nas propostas, criticando o ofrecemento "ridículo" dunha subida de salario de 4,5% en tres anos. 

"Este ten que ser un convenio de referencia. Agora colleu máis importancia porque os convenios de empresa non poden estar por baixo do sectorial", engadiu Pérez. 

Na mesma liña falou o representante de CCOO, Celso Carneiro, quen recordou que a próxima segunda feira, 12 de xuño, está convocada unha xuntanza da mesa negociadora do convenio para tratar de chegar a un acordo para mellorar as condicións laborais dos traballadores do metal. De non ser así, as folgas levaranse a cabo porque, segundo dixo, a rúa "é o lugar onde o sector consegue os seus dereitos". 

Comentarios