A patronal do metal alerta da falta de persoal cualificado

O sector do metal da Galiza fechou 2022 cunha facturación de 14.534 millóns de euros, 15% máis que no exercicio anterior.
O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón (Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón (Pedro Davila / Europa Press).

O sector do metal da Galiza fechou 2022 cunha facturación de 14.534 millóns de euros, 15% máis que no exercicio anterior, e cun nivel de emprego estábel, de 57.050 traballadores (0,5% máis).

Porén, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Afíns (Asime), advertiu de que a facturación podería ser 30% superior se as empresas puidesen cubrir as súas necesidades de persoal cualificado, que cifran nunhas 1.500 persoas traballadoras.

Así o trasladou o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, na presentación do balance anual de 2022, e subliñou que o sector se atopa practicamente ao cento por cento da súa capacidade produtiva, lastrada por ese déficit de persoal. "Hai unha necesidade inmediata de 1.500 traballadores na Galiza, e uns 800 en Vigo e a súa área", afirmou Mallón.

Respecto diso, o representante da patronal do metal reclamou medidas, non só de formación, senón tamén de "flexibilidade" para facilitar a contratación de persoal estranxeiro cualificado, procedente de Estados como Perú, Vietnam, Colombia ou Bangladesh. 

Sectores de actividade

Por sectores de actividade, explicou que a automoción aumentou 14% a súa facturación (até os 10.560 millóns), aínda que tivo unha leve redución de emprego, e quedouse en algo máis de 19.000 traballadores.

A Galiza perdeu posicións no naval con respecto ao conxunto do Estado español. No país baixou 1% o emprego (até os 7.956 operarios) neste sector e creceu 12% a facturación, até os 897 millóns de euros.

As construcións e estruturas metálicas, con 16.288 empregos (1% máis) lograron facturar 555 millóns de euros, 14% máis, a pesar do descenso na licitación pública na Galiza. Tamén creceu o sector da aeronáutica, que facturou 106 millóns de euros (20%) e aumentou 5% o seu emprego.

Comentarios