A loita contra vento e marea das mariscadoras a pé

O marisqueo a pé, oficio ancestral na Galiza, ficou relegado ao "último eslabón" do sector do mar coa crise da Covid. As mariscadoras sentíronse este último ano excluídas pola Administración cando máis axuda precisaban para afrontar as cuantiosas perdas. As e os profesionais deste sector vense obrigados cada día a loitar contra todo tipo de adversidades para manter o seu sustento económico.
 
Mariscadoras de Vilanova traballando este Nadal, que lles permitiu remontar as vendas (Foto: Cedida).
photo_camera Mariscadoras de Vilanova traballando este Nadal, que lles permitiu remontar as vendas (Foto: Cedida).

Ningún sector profesional ficou exento dos terríbeis efectos económicos da pandemia este último ano. Porén, o marisqueo a pé padeceu especialmente o impacto da Covid, sobre todo por mor do fechamento da hostalaría, a súa principal fonte de ingresos. Cando se decretou o estado de alarma, hai xa un ano, as mariscadoras a pé (perto de 4.000 na Galiza) víronse obrigadas a seguir acudindo cada alborada ao mar para extraer un produto que ninguén quería mercar, ao ser considerada unha actividade "imprescindíbel" por enmarcarse no sector da alimentación

"Tivemos que loitar moito para que nos permitisen decretar o cese por causa de forza maior e así acceder ás axudas económicas. Non foi doado que a Consellaría do Mar recoñecese que, malia que se nos permitía traballar, ese traballo non tiña un retorno económico, porque o marisco non é un ben básico coma o peixe", relata a Nós Diario a patroa maior da Confraría de Lourizán, Carmen Vázquez.

Naqueles primeiros días, lembra, as profesionais do marisco tiveron "medo" polo que puidese acontecer: "Non tiñamos nin EPIs, nin máscaras nin ningunha medida de protección. Neste sector traballa moita xente de idade avanzada que sentían estar a arriscar as súas vidas", matiza. "Agora mesmo non percibimos demasiado os efectos da crise, porque no verán e o Nadal conseguimos remontar as vendas, e o marisco que vén de fóra non é demasiado abundante, mais os meses de marzo e abril de 2020 foron especialmente duros", explica a patroa maior da Confraría de Vilanova de Arousa, María Vales.

As axudas da Xunta, "incompatíbeis"

Após conseguir que se decretase o cese da actividade como consecuencia da pandemia, as mariscadoras accederon ao réxime de axudas concedido ás persoas autónomas. No verán, a Xunta anunciou a aprobación dun fondo para compensar as perdas do sector do mar, mais estas traballadoras ficaron excluídas ao considerárense estes fondos "incompatíbeis" coa percepción da compensación para as autónomas, "que xa custearamos nós co pagamento da cota mensual do seguro", sostén María Vales.

"As mariscadoras a pé sempre somos o último eslabón cando hai un problema. As nosas demandas nunca son atendidas pola Administración, que debería escoitar máis o sector", engade.

O impacto ambiental

Por se a pandemia non fose suficiente, as mariscadoras teñen tamén que facer fronte á elevada mortaldade de marisco que se está a dar en diferentes puntos de extracción da xeografía galega. Nalgúns casos, coma o de Rianxo ou Lourizán, por causas naturais: "Coa chegada dos temporais tivemos que parar algúns días pola baixa salinidade das augas, provocada polas fortes precipitacións", sostén María del Carmen Vázquez.

Outras veces, en cambio, como consecuencia do "conflito de intereses" na zona: "Nós en Vilanova temos un grave problema, porque Augas da Galiza vén de autorizar a unha conserveira a botar residuos depurados ao noso esteiro, onde non hai correntes de auga e, polo tanto, a contaminación pode afectar toda a produción", argumenta Vales.

As mariscadoras arousás fixeron traballos de rexeneración na contorna para que fose catalogada como 'zona B' e non 'C' (considerada de risco para a saúde): "Non estamos en contra da conserveira, só pedimos que non verta os seus residuos na nosa praia, que é o pulmón económico da confraría porque xera perto dun millón de euros ao ano. É unha barbaridade porque non conta cun estudo de impacto ambiental", asevera. Algo semellante acontece na ría do Burgo, que as mariscadoras exixen dragar "de inmediato" para paliar a contaminación e poder continuar coa súa actividade extractiva.

Tamén tiveron que facer fronte a unha incesante ameaza, a do furtivismo, que, aseguran, nin desapareceu nin se incrementou coa pandemia: "Son as dúas ou tres persoas de sempre, que xa temos controladas", di Vales.

Relevo xeracional

Hoxe a meirande parte do colectivo de mariscadoras a pé rolda ou mesmo supera os 50 anos. Porén, a xente nova interésase cada vez máis pola profesión: "Na nosa confraría debemos ter unha media de idade de entre 35 e 40 anos. Moitos mozos e mozas viñeron traballar connosco cando reparamos o esteiro", apunta María Vales.

As condicións laborais son a principal lacra do sector: as e os traballadores son autónomos e os seus ingresos dependen da cantidade de marisco que consigan extraer cada día. Chova ou faga sol, todas as madrugadas deben erguerse para procurar nas praias, durante horas de intenso traballo, o seu sustento. "A fin de contas sacamos un soldo e é un traballo que paga a pena", sentencia a patroa maior da confraría arousá.

Comentarios