Mariscadoras do Burgo critican que a Xunta e o Estado non se responsabilicen de indemnizalas

As obras de dragado e rexeneración da ría do Burgo que, segundo indicou o Goberno estatal, comezarán este ano, son unha longa reivindicación de sectores como o das mariscadoras. Porén, estas reclaman á Xunta e ao Estado que deixen de “pasarse a bola” sobre quen as debe compensar economicamente polo tempo que as obras lles impidan traballar.
A Ría do Burgo leva décadas soportando verteduras (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)
photo_camera A Ría do Burgo leva décadas soportando verteduras (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)

As e os mariscadores da ría do Burgo, na Coruña, criticaron os "cruzamentos políticos" entre o Goberno estatal e a Xunta da Galiza por mor das compensacións económicas que percibirán durante as obras de dragaxe e rexeneración da ría do Burgo, que foron licitadas polo Executivo estatal nas últimas horas a falta de publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A través dun comunicado, o colectivo de mariscadoras lamenta que as dúas Administracións “pasen a bola” unha á outra sen daren unha "solución ao problema". "Queda pendente que o Goberno e a Xunta senten a falar co sector e tomen as medidas necesarias para as compensacións económicas", reclama.

Segundo as e os mariscadores, despois de tres meses foi "imposíbel" reunirse con representantes de ambos os Gobernos e reprochan que as "ignoren". "É unha actitude incomprensíbel nunha Administración dun país democrático", censuran.

O colectivo, que reúne a ao redor dun centenar de traballadoras e traballadores, apunta o Goberno do Estado como "titular dos terreos" e "contratista" das obras, pero tamén sinala que o Executivo galego ten "as competencias marisqueiras".

Ante o anuncio de que as obras comezarán este mesmo ano, as e os mariscadores piden ao delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, que convoque un encontro entre a Avogacía do Estado e os letrados da Xunta para determinar "de quen é a competencia" de abonar as compensacións. "

Politicamente están enrocados e non resolven a situación", reprocha o sector, que se mostra satisfeito con que as obras de dragaxe, "tan esperadas", teñan lugar este ano. "Esperamos que se realicen no primeiro semestre", conclúe.

Ademais, o colectivo anunciou no mesmo comunicado que xa enviaron "toda a documentación" relativa á investigación por contaminación da ría á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Continúa así, explica, a denuncia presentada en 2010.

Comentarios