O Goberno español propón baixar a cota mínima de autónomos a 245 euros e elevar a máxima a 565 euros

Cos cambios recollidos no último documento, a proposta do Goberno español presenta 14 tramos.
Traballador pechando o seu local. (Foto: Europa Press)
photo_camera Traballador pechando o seu local. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións modificou a súa proposta de cotización para aqueles autónomos e autónomas con rendementos netos medios, que ingresen entre 1.700 e 2.300 euros mensuais, aproximadamente.

Así o anunciou o presidente da Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, tras unha nova reunión do diálogo social para negociar o novo sistema de cotización por ingresos reais que estará vixente entre 2023 e 2025.

UPTA tamén adiantou que o Ministerio variou as cotas mínimas e máximas, de maneira que aqueles traballadores e traballadoras que teñan ingresos por baixo de 670 euros pagarían unha cota de 245 euros, 15 euros menos que na proposta anterior, mentres que os que superen os 4.050 euros mensuais terán unha cota de 565 euros, o que supón un incremento de 15 euros máis respecto ao último documento.

En canto aos rendementos netos que van desde os 1.700 euros aos 2.300 euros mensuais, o Ministerio presentou tres tramos. En concreto, o Executivo propón que os autónomos con rendementos netos de entre 1.700 e 1.850 euros mensuais paguen unha cota de 370 euros mensuais, 30 euros menos dos que expuxo na súa proposta anterior para o tramo de ingresos de 1.700 a 1.900 euros.

Na última proposta de tramos que realizou o Goberno, o pasado 27 de maio, propuxo para o tramo comprendido entre os 1.900 e os 2.330 euros unha cota de 440 euros. Agora divide este tramo en dous: cuns ingresos de 1.850 a 2.030 euros proponse unha cota de 400 euros, e con ingresos de 2.030 a 2.330 euros, a cota sería de 440 euros.

14 tramos

Cos cambios recollidos no último documento, a proposta do Goberno español presenta 14 tramos. Naqueles con rendementos netos de entre máis de 670 e 1.700 euros mensuais, os autónomos pagarían á Seguridade Social entre 260 e 294 euros de cota mensual.

Nos tramos restantes, que van desde os 2.330 a 4.050 euros mensuais de rendementos netos, os autónomos terían que abonar á Seguridade Social unha cota de entre 460 a 520 euros ao mes.

"Creo que xa é momento de tomar decisións e se este sistema ten que nacer co acordo do 100% das partes implicadas, sería o ideal. Se non, o Goberno ten que tomar xa decisións que poidan cambiar a vida de 3,4 millóns de persoas traballadoras por conta propia", expresou o presidente de UPTA.

Abad tamén informou de que haberá outra reunión a finais de semana para "poder ser capaces de pechar o texto que o Ministerio dará como definitivo". De momento, fíxolles chegar un borrador esta pasada fin de semana.

Comentarios