Así é o "plan de choque" de 700 millóns de euros que propón o BNG para facer fronte á inflación

Entre outras medidas, avoga pola creación dun "fondo de rescate económico" de 175 millóns de euros para pemes, cooperativas e autónomos, uns colectivos que "son os máis que sofren a crise e os que menos axudas teñen", dixo Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta segunda feira, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta segunda feira, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O BNG vén de artellar un "plan de choque" que recolle "medidas urxentes" coas que mobilizar 700 millóns de euros para facer fronte aos problemas derivados da inflación que afectan as persoas, as familias e as pequenas e medianas empresas (pemes).

O plan foi anunciado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa decorrida esta segunda feira no Parlamento galego, onde lamentou que exista "desde hai tres meses" na Galiza un "goberno interino que non dá resposta ás necesidades da sociedade galega" cando se atravesa "a peor crise de prezos" das últimas décadas.

Logo de censurar que o Executivo galego careza "de estratexia de futuro a medio e longo prazo para o país", Pontón avanzou a presentación dunha proposta que recolle unha serie de medidas enfocadas ás persoas e as pequenas e medianas empresas, de cara a brindarlles apoio económico e evitar que "sufran máis" por unha inflación que, lembrou, é maior na Galiza que no resto do Estado español.

O plan elaborado polo Bloque divídese en varias áreas, a primeira delas dotada con 90 millóns de euros para un fondo "de rescate social" destinado aos "colectivos máis desfavorecidos" e que serviría para incrementar en 100 euros o complemento autonómico ás pensións non contributivas e elevar os limiares para percibir rendas de integración.

O BNG propón a creación dun "fondo de rescate económico" de 175 millóns de euros para pemes, cooperativas e autónomos; colectivos que, en palabras de Pontón, "son os máis que sofren a crise e os que menos axudas teñen".

Para o sector primario, expón accións que suman 40 millóns de euros e que servirían, entre outras cuestións, para compensar o incremento de gastos e evitar que os produtores se vexan abocados a vender a perdas. A "terceira pata" do plan da formación frontista está centrada no investimento en obra pública, para o que reserva 325 millóns de euros.

En cuarto lugar están as medidas para as entidades locais co obxectivo de paliar as "moitas dificultades" ás que deben facer fronte os concellos debido ao marco de financiamento. Nesta liña, dotada con 35 millóns de euros, inclúese a revisión dos prezos nos contratos de obras que, subliñou Pontón, abocaron as administracións a paralizar actuacións.

Por último, a líder do Bloque sinalou a proposta de articular un fondo de liquidez de 75 millóns de euros orientado a cooperativas e empresas. Todas elas son, en palabras de Pontón, "medidas posíbeis, necesarias e que axudarían aos que peor o están a pasar nestes momentos".

Pensar unha Galiza "a longo prazo"

Por outra parte, Pontón avanzou a elaboración dunha proposición de lei coa que o BNG quere pensar a Galiza "a longo prazo". "É necesario pór as luces longas e pensar a longo prazo", incidiu. Esta proposta lexislativa, que bautizou como 'Lei de modernización e transformación da Galiza', estabelece "cinco áreas estratéxicas": financeira, enerxética, ciencia e innovación, reactivación industrial e sector primario.

"Estas serían as propostas que tomariamos se estivésemos a gobernar", destacou Ana Pontón, antes de incidir en que é preciso que o Goberno galego se poña "a disposición da sociedade da Galiza". Aliás, a respecto do previsíbel sucesor de Alberto Núñez Feixoo, o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a líder do BNG veuno como "unha opción de continuismo puro e duro do PP e dunhas políticas que nos deixan unha Galiza peor que a que Feixoo encontrou hai trece anos".

Comentarios