Gardacostas acoden á Valedora para exixir a inclusión no réxime do mar

O persoal funcionario do servizo de gardacostas denuncia que padecen "discriminación".
Á esquerda, Zeltia Burgos, da CIG-Administración (Foto: Nós Diario).
photo_camera Zeltia Burgos e Alexandre Romero, esta sexta feira en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

Os gardacostas acumulan máis dun ano de reivindicación para conseguir que se lles recoñeza o dereito a estar integrados no réxime especial do mar, e ao non ter conseguido que se cumpra a súa petición, solicitaron esta sexta feira o amparo da Valedora do Pobo "para que exixa ás institucións unha solución e deixen de estar excluídos polo simple feito de pertencer ao funcionariado".

Segundo explicou Zeltia Burgos, responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, o servizo de gardacostas está conformado por un colectivo de 239 traballadores e traballadoras, contando co persoal que depende da empresa privada. 

Destes, sinala Burgos, perto de 130 son persoal funcionario: patróns, mariñeiros, axentes ou vixiantes que traballan en embarcacións ou na costa en vixilancia, no control do furtivismo e da contaminación mariña e no salvamento marítimo.

A representante da CIG denunciou que este sector dos gardacostas, “polo feito de ser funcionariado, non ten a mesma protección para a súa seguridade e saúde, ademais duns recoñecementos médicos ou uns protocolos específicos”.

Neste sentido, Alexandre Romero, patrón na base de Vilaxoán, en Vilagarcía, demandou que se acabe con esta "discriminación" por parte da Consellaría e que, “como outros compañeiros que traballan na empresa privada e fan os mesmo labores que facemos nós, teñamos as mesmas condicións”.

Romero explicou que o persoal funcionario ten que facer recoñecementos no Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) “cando non pertencemos a el, temos que ir a Capitanía, temos que presentar toda a documentación como calquera embarcación civil mais ao mesmo tempo denégannos pertencer ao réxime xeral do mar”.

Sector envellecido

De se lles recoñecer o dereito, explicou, terían mellores cotizacións e coeficientes redutores para poder xubilarse antes. “O servizo está moi envellecido, moito persoal ten arredor de 60 anos”, apuntou o traballador, "o que está a provocar que haxa máis baixas por doenzas". 

Comentarios