A Xunta impón servizos mínimos de 100% na folga de helicópteros de gardacostas

Os sindicatos da adxudicataria do servizo (Babcok) convocaron varios días de folga nos meses de marzo, abril e maio.
Un helicóptero dos Gardacostas da Galiza. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
photo_camera Un helicóptero de gardacostas da Galiza (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta sexta feira a orde que fixa uns servizos mínimos de 100 % para as xornadas de paro convocadas polos traballadores da adxudicataria do servizo aéreo de salvamento de gardacostas.

A Consellaría do Mar estabeleceu os servizos mínimos íntegros ao entender que, sobre o dereito fundamental á folga, debe prevalecer a garantía dun servizo no que pode estar en xogo a vida e a integridade de persoas, e a non prestación podería ter consecuencias irreparábeis.

Días de folga

Os sindicatos da adxudicataria do servizo (Babcok) convocaron varios días de folga nos meses de marzo, abril e maio, e a Xunta da Galiza publicou esta orde para "garantir a prestación dos servizos necesarios nos termos previstos na lexislación vixente", e dado o "carácer de emerxencia" dos traballos contratados con esa empresa.

Así, considérase "imprescindíbel" que os dous helicópteros de Gardacostas da Galiza (o Pesca 1, con base en Vigo, e o Pesca 2, con base en Celeiro) estean operativos ao mesmo tempo, xa que cada un realiza o servizo nunha parte do litoral.

Non poden facer folga

Deste modo, o persoal adscrito ás dúas aeronaves deberá estar dispoñíbel nas súas respectivas bases os días da folga, para garantir a correcta prestación do servizo no caso de que se produza unha emerxencia no mar.

Comentarios