Gardacostas da Galiza piden no Congreso seren recoñecidos no réxime de traballadoras do mar

Unha representación do colectivo de gardacostas e a responsábel do sector de Administración da Confederación Intersindical Galega (CIG), Zeltia Burgos, estiveron no Congreso pedindo que se modifique a lei que regula a protección social dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro.
Gardacostas diante do Congreso en Madrid (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gardacostas diante do Congreso en Madrid (Foto: Nós Diario).

Unha representación do colectivo de gardacostas e a responsábel do sector de Administración da Confederación Intersindical Galega (CIG), Zeltia Burgos, reuníronse con representantes dos grupos no Congreso para solicitar o seu apoio a que se modifique a lei que regula a protección social dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro.

O sindicato nacionalista promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, "para que se acolla o persoal funcionario das escalas de gardacostas" no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

Os encontros coincidiron co decorrer do relatorio da lei de pesca sostíbel. Segundo explica Burgos, Unidas Podemos, "a pesar de expresar o seu apoio á reivindicación", advertiu de que o Goberno español vetou a emenda por "cuestións orzamentarias".

Como alternativa, segundo a CIG, a formación morada propuxo presentar unha proposición non de lei "para buscar unha saída".

Pola súa parte, representantes do PSOE "manifestaron o seu apoio á demanda da central sindical mais non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que hai que tratala con Traballo e Seguridade Social", segundo a responsábel da CIG.

"Recuperar a emenda"

"Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á iniciativa" e en concreto os primeiros expoñen "buscar unha fórmula" co Bloque "para recuperar a emenda".

Os segundos, advirte a CIG, "estudan a posibilidade de discutir o veto do Goberno porque non lle cadran os números" e sinalan "varias vías para que o Goberno, cun informe favorábel, poida recuperala".

A CIG denuncia unha situación "esperpéntica" que supón que este persoal "non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que precisan polos riscos que supón para a saúde o traballo no mar".

Comentarios