A Xunta impulsa a primeira lei de ordenación do litoral galego

O Executivo galego anunciou  onte a tramitación da primeira lei de ordenación do litoral galego despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, lle trasladase á Xunta da Galiza en agosto  a necesidade de modificar o Estatuto galego para poder levar a cabo a transferencia da competencia de Costas.
 
Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Goberno galego, Alfonso Rueda, informou esta quinta feira do acordo do Consello da Xunta para comezar coa tramitación da primeira lei de ordenación do litoral galego. Este regulamento é promovi do polo Executivo galego en contraposición á Lei de cambio climático aprobada polo Goberno español en 2021. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda defendeu que o Estatuto de Autonomía da Galiza si outorga ao Executivo galego as competencias de Costas, amparándose nun ditame solicitado pola propia Xunta ao Consello Consultivo.

Desde o momento da súa aprobación, a Lei de cambio climático recibiu críticas de entidades políticas, laborais e sociais pola súa afectación ás concesións de explotacións pesqueiras e mariscadoras. A Xunta encabezou nos últimos meses a oposición afirmando que a restrición de concesións privadas de terreos públicos a 75 anos é inconstitucional. Esta restrición ten como consecuencia que a factoría de Ence en Lourizán (Pontevedra) deberá abandonar a ría, algo que a Xunta tentaría evitar coa tramitación desta primeira lei de ordenación do litoral galego, despois de intentar incorporar  a factoría, que está en solo estatal, ao Porto de Marín, baixo a competencia da Xunta.

Aprobación de currículos

Rueda tamén informou da aprobación definitiva dos currículos educativos correspondentes aos niveis de Primaria, Secundaria e Bacharelato. Cinco meses despois de que o Goberno estatal enviase os currículos ás autonomías, e case dúas semanas despois do comezo do curso escolar, a Xunta anunciou a súa aprobación. Rueda escusou esta demora nos "problemas derivados" da Lomloe. Porén, só a Galiza, Andalucía, Castela a Mancha e Murcia non publicaran aínda os currículos educativos. Por outra parte, Alfonso Rueda confirmou a ampliación de 3.400 prazas nas escolas infantís para crianzas de 0 a 3 anos que anunciou antonte na sesión de control no Parlamento galego. 

Bonos Activa Comercio

Rueda tamén confirmou a aprobación da segunda convocatoria dos Bonos Activa Comercio, destinados á "impulsar o consumo" nun sector "tan afectado pola pandemia  primeiro e pola situación actual agora", subliñou o presidente. En total, esta nova convocatoria estará destinada a 160.000 persoas, que poderán beneficiarse dun cheque de 30 euros para obter descontos de 5, 10 ou 15 euros, segundo cal sexa a contía total da compra.

A Casa Cornide

Ao ser preguntado pola posta á venda esta semana do ben patrimonial da Casa Cornide (A Coruña) por parte da familia do ditador Francisco Franco, o presidente galego optou por responder que prefire non falar de "cuestións xudicializadas", mentres a Xunta segue sen tramitar definitivamente o expediente BIC do edificio.

Comentarios