Gardacostas exixen a súa inclusión no réxime do mar

A CIG promoveu unha protesta ante a Consellaría do Mar.
Concentración do persoal gardacostas, esta quinta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración do persoal gardacostas, esta quinta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Gardacostas desenvolveron esta quinta feira unha protesta, convocada pola CIG, diante da Consellaría do Mar. O persoal denunciou "a discriminación" que sofre polo "feito de ser funcionarios e funcionarias", e reclamou a súa inclusión no réxime do mar e o acceso á xubilación anticipada.

Durante a mobilización, os traballadores e traballadoras lembraron que hai mais de 10 anos protestaban "pola privatización do servizo que comportou a incorporación de persoal auxiliar de empresas privadas”. Desta forma, nestes momentos son unhas 250 as persoas que traballan para o servizo de gardacostas da Galiza, das que arredor de 100 son persoal funcionario.

O paradoxo, sinalan, "é que o persoal de empresa privada" co que comparten embarcación "está incluído no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores e Traballadoras do Mar". Así mesmo, din, "teñen asegurado o acceso á formación necesaria para traballar no mar, aos recoñecementos médicos e tamén poden acceder á xubilación anticipada con coeficientes redutores”.

Pola contra, ao persoal funcionario aplícanselles as obrigas exixidas polo Instituto Social da Mariña (ISM) para poder embarcar mais, ao tempo, denuncian, “estamos excluídos dos dereitos que teñen os compañeiros e compañeiras das empresas privadas”.

Lei de Pesca

Por estes motivos, impulsaron unha emenda á Lei de Pesca, rexistrada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para que se inclúa o persoal gardacostas no réxime do mar e así "rematar coa exclusión e protexer a seguridade e saúde" cando exercen as súas funcións de servizo público". 

“Esta emenda que promovemos recoñecía un coeficiente redutor de 0,15 para todo o persoal gardacostas que podería ser ampliado por razón das súas funcións e con carácter retroactivo afectando a toda a vida laboral”. Porén, sinalaron, “foi vetada polo Goberno do Estado español". De non o ter feito, "moi probabelmente tería sido aprobada”, explicaron.

Engadiron que "o PSOE comprometeuse directamente connosco a buscar unha solución se a Xunta instaba ao diálogo". Mais transcorridos xa tres meses e a pesar de terllo solicitado, "non temos resposta nin da conselleira do Mar, Rosa Quintana, nin do Goberno estatal”. "Non imos quedar parados, non aceptamos o silencio por resposta", concluíron.

Comentarios