A folga de transportes obriga o sector lácteo a paralizar a actividade

A Federación Nacional de Industrias Lácteas anuncia un paro a partir desta quinta feira e advirte que a única solución é "garantir o dereito á mobilidade e a seguridade dos transportistas que non secundaron a folga".
O sector pide garantir o transporte de mercadorías (Foto: Nós Diario).
photo_camera O sector pide garantir o transporte de mercadorías (Foto: Nós Diario).

A industria láctea de todo o Estado español paralizará a súa actividade desde esta quinta feira como consecuencia da folga de transportes que vén desenvolvendo nos últimos días, segundo informou a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), nun comunicado.

As fábricas viron interrompida a subministración dos bens necesarios para a elaboración de produtos lácteos e tamén o traslado do produto rematado ás cadeas de distribución, polo que se anulou a capacidade de envasado e de almacenamento e xestión dun alimento que é altamente perecedoiro e esencial para o consumo diario.

Segundo Fenil, que integra máis de 60 empresas do sector e representa máis de 95% da produción estatal de produtos lácteos, esta paralización está a carrexar consecuencias sociais, económicas e ambientais "inevitábeis", xa que suporá a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras desde esta quinta e, sobre todo, pon en risco o abastecemento de produtos como o leite e os lácteos.

A federación sinalou que este panorama é o resultado do "desamparo e a impotencia" dos transportistas ante a actuación dos "mal chamados piquetes informativos" que bloquearon a súa actividade.

Fenil subliñou que só se reverterá esta decisión se se garante o dereito á mobilidade e a seguridade dos transportistas que non secundaron a folga para, deste modo, evitar conflitos de orde pública nas estradas, circunstancia "compatíbel" co respecto do dereito de folga.

Desabastecemento de cereal

A folga dos transportes súmase á crise derivada da guerra en Ucraína, cuxas consecuencias comezan afectar directamente o tecido produtivo da Galiza. Así, nesta cuarta feira fontes do sector sinalaron a Nós Diario que a produtora de alimentos para animais Cooperativa Xallas tivo que deter a súa produción ante a escaseza de cereais.

A Federación Rural Galega (Fruga) alertou a pasada semana de que os continuos aumentos dos custos de produción, que atribúe a unha "operación especulativa", están a pór "ao bordo da desaparición" unha parte importante das explotacións agrícolas e gandeiras galegas.

Comentarios