Oitavo día de paro: os accesos a Vigo e Santiago, ocupados polos transportistas

A hostalaría galega mira con preocupación a folga de transportistas, xa que aínda non se recuperou completamente dos efectos da pandemia.
Camións diríxense até o centro de Vigo. (Javier Vázquez/Europa Press)
photo_camera Camións diríxense até o centro de Vigo. (Javier Vázquez/Europa Press)

Decenas de camións e tractores desfilan polos accesos de Santiago de Compostela e Vigo durante a mañá desta segunda feira, cando se cumpre o oitavo día de folga do sector do transporte de mercadorías, en protesta pola suba dos prezos do combustíbel.

Desde primeira hora da mañá, transportistas e gandeiros galegos concentráronse nas inmediacións das dúas cidades para organizarse e iniciar o seu camiño cara aos principais accesos de ambas urbes.

En Santiago, un grupo de tractores iniciou unha marcha desde o recinto feiral de Amio. A caravana diríxese a San Caetano, sede da Xunta, e continúa pola Avenida de Lugo, principal vía de comunicación da capital da Galiza, onde os manifestantrs están a facer soar as bucinas dos seus camións. Pola súa banda, os transportistas e gandeiros participantes na protesta de Vigo reuníronse na A-55, á altura de Tui, para partir cara ao centro da cidade. Tamén hai concentracións de menor tamaño no parque tecnolóxico e loxístico de Vigo.

Ademais de Santiago e Vigo, Ferrol tamén acolleu un acto de protesta do sector dos transportistas, no que camións e tractores saíron ás 11 horas do polígono de Río do Pozo para percorrer as autovías cara a Narón e a cidade naval.

Preocupación no sector hostaleiro

O sector hostaleiro galego mira con preocupación o posíbel desabastecemento que poida producir a folga dos transportistas. O presidente da Federación Galega de Hostalaría e presidente da Federación de Lugo, Cheché Real, destacou que no sector entenden as demandas dos transportistas, polo que avoga "por un importante xiro da situación".

Neste contexto, apuntou que é necesario "buscar unha forma de baixar o prezo de combustíbeis e enerxía", xa que segundo el esta folga está a afectar gravemente á hostalaría. Tamén afirmou que algúns hostaleiros tiveron "que ir con vehículos aos lugares de distribución para cargar e levar os artigos, pero os produtos perecedoiros teñen unha situación máis difícil".

En canto a unha posíbel "escaseza", Cheché Real recoñeceu que "a partir de agora vaise notar" non tanto en "alcoholes, senón en produtos perecedoiros como carne, peixe ou pan". "Imos ter dificultades como esta, porque as lonxas están paralizadas, os matadoiros non funcionan e polo tanto isto afecta directamente a toda a cadea hostaleira", confirmou.

Por último, Real sinalou que esta situación, "sumada aos dous anos de pandemia, dificulta moito a supervivencia das empresas de hostalaría neste país".

Comentarios