Os ERTEs en Galiza atinxen xá máis de 140.000 traballadores e traballadoras

O noso país contabiliza 26.500 expedientes de regulación temporal de emprego segundo datos da Xunta da Galiza.

Desemprego construción

O mes de marzo está a rematar con cifras moi elevadas de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A situación de emerxencia sanitaria e as medidas adoptadas polo Goberno español no estado de alerta facilitaron que as empresas galegas presentaron cando está a rematar marzo un total de 26.513 ERTE que afectaron a 140.243 traballadoras e traballadores.

Desde a pasada sexta feira 27 de marzo estes expedientes e o persoal laboral implicado increméntanse en torno a 12%. Os que teñen un carácter galego son 779, con 12.951 traballadoras e traballadores. Os estatais con incidencia na Galiza son 34, aínda que o Goberno galego non conta con cifras de empregadas e empregados.

Por territorios, as comarcas de Pontevedra seguen a ser as máis afectadas  con 56.438, inmersos en 9.057 ERTE. As da Coruña suman 10.121, con 46.585 empregadas e empregados.

Pola súa banda, nas de Ourense hai 3.283 expedientes de regulación, con 13.012 empregadas. En relación ás de Lugo, son un total de 3.239 ERTE presentados, con 11.257 traballadoras e traballadores afectados.

A Xunta lembra que para os ERTE presentados antes da entrada en vigor do decreto do sábado 28 de marzo, as empresas contan cun prazo de cinco días e, por tanto, finaliza esta semana. No caso dos expedientes a partir desa data, as empresas deberán comunicalo tamén no prazo de cinco días desde que se presente a solicitude do expediente.

Comentarios