O Goberno estatal extrema o confinamento: as traballadoras de actividades non esenciais terán que ficar na casa

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha comparecencia extraordinaria que tivo lugar perto das 19 horas deste sábado, anunciou o endurecemento das medidas no marco do estado de alarma decretado pola crise da COVID: Todos os traballadores e traballadoras de actividades non esenciais deberán ficar na casa durante as próximas dúas semanas.

 

Pedro Sáchez, durante a comparecencia telemática desde a Moncloa.
photo_camera Pedro Sáchez, durante a comparecencia telemática desde a Moncloa.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou na tarde do sábado que o Consello de Ministras e Ministros aprobará este domingo unha "medida excepcional" para un "momento excepcional": todas as traballadoras e traballadores de "actividades non esenciais deberán ficar na casa nas próximas dúas semanas".

O Goberno de PSOE e Unidas Podemos endurece así as medidas de confinamento, atendendo as recomendacións de especialistas. "Facémolo agora e non antes porque estamos ás portas da Semana Santa", sinalou Sánchez en resposta a preguntas de xornalistas. A medida comprenderá do 30 de marzo ao 9 de abril.

As empregadas e empregados afectados disporán dun "permiso retribuído recuperábel". Unha vez remate a situación de emerxencia de saúde público "recuperarán as horas de traballo de maneira paulatina e espaciada no tempo", informou, por exemplo, engadiu, cunha hora máis diaria, mediante os convenios entre empresas e sindicatos, até o próximo 31 de decembro. Isto significa que a clase traballadora de sectores non esenciais continuará cobrando durante este período.

Preguntado por cales son considerados sectores esenciais, Sánchez remitiuse ao decreto do estado de alarma. Entre outros, apuntou que son esenciais os medios de comunicación, "os medios, non cansarei de repetilo, están facendo un labor extraordinario, moi importante, de pedagoxía e asesoramento, sobre todo a colectivos máis vulnerábeis. Ao meu xuízo, son esenciais".

Tensións no seo do Goberno estatal

O debate ao redor do endurecemento do confinamento provocou tensións no seo do Goberno estatal nos últimos días. Na súa intervención no Congreso, Pablo Echenique, portavoz de Unidas Podemos, sinalaba que o posicionamento da formación morada pasaba por endurecer o confinamento para evitar a propagación do virus. As presións do Ibex e a posición de forza que mantén a ministra Natalia Calviño no Executivo español impedían que se adoptasen máis restricións á actividade laboral. A tamén vicepresidenta de Asuntos Económicos declaraba días atrás que había que minimizar o "risco de que a ralentización da economía teña un impacto estrutural".

Neste contexto de tensións internas no Goberno enténdense as palabras de Sánchez da tarde do sábado, cando insistiu en que o endurecemento do confinamento tería lugar coincidindo coa Semana Santa, para minimizar o impacto nas empresas. O xefe do Executivo estatal indicou que a decisión tomouse seguindo as recomendacións das especialistas do Comité Técnico, tras tratarse cos axentes sociais, que son "conscientes do enorme esforzo que hai que facer", e baixo o convencemento da necesidade de reducir a mobilidade dos días laborais ao nivel da caída que se produce as fins de semana.

Alén das peticións de parte da comunidade científica, partidos políticos como o BNG solicitaron a paralización de toda a actividade produtiva non esencial. O deputado Néstor Rego pedíao no Congreso o día 18, cando se deu conta do estado de alarma e volveu facelo cando se debateu a solicitude de prórroga, ao entender que era "un obxectivo básico para romper a cadea de contaxio que se produce fundamental en centros de traballos masificados e sen as medidas de protección adecuadas". PSOE, Unidas Podemos, PP, Vox e Cs votaron contra a proposta do BNG. Porén, "por responsabilidade", o Rego votou a favor da prórroga.

Tamén a CIG, ao contrario que UXT e CCOO, consideraba que prorrogar o estado de alarma sen tomar máis medidas era "irresponsábel". Apostaba así en "paralizar todas as actividades que non sexan esenciais para afrontar a situación de emerxencia sanitaria que padecemos" e sinaba que era necesario "aprobar de inmediato un paquete social".

"Todos os esfozos", a Madrid

Por outra banda, chamou a dedicar "todos os esforzos" á Comunidade de Madrid, onde o coronavirus está afectando "con moita intensidade". E, neste sentido, adiantou que nas próximas semanas poderían adoptar novas medidas para baixar a presión nas UCI saturadas.

Nada dixo Sánchez de fechar Madrid, principal foco do coronavirus no Estado español, nin de blindar territorios menos afectados, como Galiza, cuxos primeiros casos de COVID-19 tiveron lugar após a chegada de persoas doutros territorios do Estado, nomeadamente de Madrid.

Máis de 70 científicos asinaron un documento que emprazaba a fechar Madrid con urxencia. Mesmo o acalde da cidade, José Luis Martínez Almeida, do PP, amosouse partidario de confinar a cidade.

Sánchez pide "compromiso real da UE"

Sánchez comezou a súa comparecencia pública instando a UE a dar probas de “compromiso real” para acabar coa pandemia, especialmente cos países que están a sufrir máis o impacto.

O plan de choque preparado polos países máis afectados polo coronavirus bateu coa resistencia de Holanda e de Alemaña. Neste contexto, Sánchez volveu apelar ao propósito de unidade da UE. “Até os países máis europeístas necesitamos probas de compromiso real por parte da UE, que escoita e actúa, mais precisamos contundencia e solidariedade”.

Comentarios