Folla de ruta para sumarse ás reivindicacións do 1 de maio na Galiza

Sindicatos chaman a mobilizarse para esixir "unha baixada dos prezos". Os actos centrais terán lugar en Vigo.

Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada este 1 de maio en Vigo pola CIG (Foto:Nós Diario).
photo_camera Manifestación convocada pola CIG en Vigo o 1 de maio de 2022. (Foto: Nós Diario).

A CIG, por unha banda, e UXT e CCOO, por outro, fan un chamamento para volver saír ás rúas este 1 de maio para exixir "subida de salarios" e "baixada de prezos" ante a situación actual, con manifestacións por todo o territorio galego.

Ambas as marchas centrais levaranse a cabo na cidade de Vigo con media hora de diferenza e puntos de partida diferentes. UXT e CCOO partirán ás 11.30 horas de Vía Norte, mentres que a CIG sairá ás 12 horas da Dobrada.

O sindicato nacionalista levará a cabo diferentes mobilizacións nun total de 14 cidades e localidades da Galiza. A maioría darán comezo ás 12 horas, menos en Ourense, Verín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, onde está previsto que se inicien ás 11.30 horas, e en Cangas, que sairá ás 18 horas.

Pola súa parte, UXT e CCOO, do mesmo xeito que en anos anteriores, sairán xuntos ás rúas . Así, levarán a cabo manifestacións nas sete cidades galegas máis en Vilagarcía de Arousa.

Contra o aumento das desigualdades

A CIG chama á se manifestar ante "unha espiral xeneralizada de subida dos prezos e inflación", o que "está a causar unha deterioración nas condicións de vida".

Nesta liña, asegura que "o capital está a tirar proveito da inflación e da carestía da vida" e "obtendo millonarios beneficios a conta de especular cos prezos". Así, afirma que as políticas económicas do Goberno galego "están a acelerar o aumento das desigualdades e a pobreza".

"Son tempos de loita para conquistar políticas alternativas, esixindo a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o enerxético, e tamén dos mercados, para pór fin á especulación de bens básicos", defende o sindicato.

Diálogo social

O chamamento de UXT e CCOO a se mobilizarse o 1 de maio céntrase na reivindicación "imprescindible" de que os salarios "sigan subindo", xa que a inflación "aínda que se modere vai seguir sendo alta".

Así, apuntan o "papel determinante das organizacións nos últimos anos" con "todas as vitorias gañadas a través do dialogo social" e "medidas con clara perspectiva de xénero".

Ademais, os sindicatos sinalan a necesidade dunha "repartición de beneficios", ante a suba do cesto da compra e uns datos de pobreza que cualificaron como "inasumíbeis".

Tamén apelan á importancia de "avanzar cara a un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e adecuado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade".

Manifestacións convocadas pola CIG

Ourense, praza Maior, ás 11.30 horas.

Pontevedra, praza da Ferraría, ás 11.30 horas.

Vilagarcía, Casa do Mar, ás 11.30 horas.

Vigo, A Dobrada, ás 12 horas.

A Coruña, Praza de Vigo, ás 12 horas.

Ferrol, local da CIG, ás 12 horas.

Cee, praza do Concello, ás 12 horas.

Ribeira, praza do Mercado, ás 12 horas.

As Pontes, praza do Hospital, ás 12 horas.

Santiago de Compostela, praza Roxa, ás 12 horas.

A Estrada, praza do Mercado,ás 12 horas.

Lugo, edificio sindical, ás 12 horas.

Burela, local da CIG, ás 12 horas.

Cangas, Concello, ás 18 horas.

Manifestacións convocadas por UXT e CCOO

Pontevedra, praza da Ferraría, ás 11.30 horas

Santiago, Alameda, ás 12 horas.

Ourense, pavillón dos Remedios, ás 12 horas.

Ferrol, praza do Inferniño, ás 12 horas.

A Coruña, desde a praza dá Palloza á praza de Ourense, ás 12 horas.

Lugo, desde o edificio dos sindicatos, na Rolda dá Muralla, ás 12 horas.

Vilagarcía de Arousa, praza da Ravella, ás 12.30 horas.

Comentarios