Falece Xesús Arrizado, histórico sindicalista

Foi unha das persoas imprescindíbeis na conformación da CIG.
O histórico sindicalista, Xesús Arrizado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O histórico sindicalista, Xesús Arrizado. (Foto: Nós Diario)

Xesús Arrizado, histórico sindicalista e xefe de Recursos Humanos da Deputación de Lugo, faleceu esta cuarta feira, 9 de agosto, no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, onde estaba ingresado. Arrizado foi unha das persoas imprescindíbeis na conformación da Confederación Intersindical Galega (CIG), destacando polo seu compromiso co sindicalismo nacionalista e coa defensa da clase traballadora.

Formou parte de Estudantes Revolucionarios da Galiza (ERGA) con 16 anos e xa con 18 comezou a traballar na central térmica das Pontes, sendo así un dos estudantes proletarizados. Xa desde o comezo da súa vida laboral participou no Sindicato Obreiro Galego (SOG). Posteriormente trasladouse a traballar en Alúmina. Nese período, tivo un destacado protagonismo nas folgas de construción e de Alúmina-Aluminio en 1977. Nos anos 80 foi secretario da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) en Lugo.

Máis tarde, Arrizado formou parte dos órganos de dirección da Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) e tivo un papel relevante no proceso de unificación desta coa INTG, que resultou no nacemento da CIG. Así, participou na dirección da central sindical e foi delegado territorial de Forga (Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación na Galiza) en Lugo.

Na súa traxectoria sindical, Arrizado estivo detrás de grandes conflitos obreiros como a folga do sector da construción decorrida en Lugo en 1977, ou o conflito pesqueiro de Celeiro (Viveiro, comarca da Mariña) no 78.

Homenaxe

Esta quinta feira, 10 de agosto, ás 16 horas, terá lugar un acto de homenaxe a Xesús Arrizado no tanatorio das Arieiras, na cidade de Lugo, após o cal decorrerá o enterro na vila de viveiro.

A CIG e persoeiros como o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ou o deputado do PSdeG no Congreso español Gómez Besteiro lamentaron o pasamento de Arrizando, “unha persoa de conviccións firmes, coherente e, sobre todo, bo amigo”.

Comentarios