Falece un operario que traballaba nunha obra civil na refinaría de Repsol na Coruña

Era empregado dunha empresa auxiliar que realizaba traballos nas instalacións da refinaría.
Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: Europa Press)

Un operario dunha empresa auxiliar de Repsol morreu esta mañá nun accidente laboral na refinaría da Coruña mentres realizaba traballos nas instalacións da factoría.

A pesar da intervención dos servizos médicos, "non foi posíbel evitar o seu falecemento", engade a compañía, que ademais, "en nome dos seus traballadores, transmite o seu pesar ás familias do falecido e á empresa na que traballaba".

Tanto Repsol como a Policía Xudicial manteñen aberta unha investigación para esclarecer as causas do accidente.

Condicións de traballo seguras

Tras coñecer o ocorrido, a vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, lamentou esta "terríbel noticia" e enviou o seu "agarimo" á familia e achegados do falecido. "A empresa debe garantir sempre unhas condicións de traballo seguras e débese esclarecer canto antes o ocorrido", engadiu, a través de Twitter.

Tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mostrou o seu "apoio e condolencias" á familia do operario e dixo estar "a disposición" da dirección da empresa "para o que precisen".

Segunda morte no que vai de ano

Trátase do segundo sinistro laboral que ten lugar na refinaría de Repsol na Coruña no que vai de ano.

O primeiro sinistro, no mes de marzo, resultado dun escape de gas durante unha parada técnica, acabou con dous traballadores no hospital e o falecemento dun deles ao non poder superar as feridas.

A morte de Unai Martínez desencadenou as protestas dos traballadores das contratas da refinaría, que exixían máis seguridade a Repsol.

Comentarios